Jonathan Manu Bennett (Rotorua, illa Norte; 10 de outubro de 1969) é un actor neozelandés, coñecido principalmente polo seu papel de Crixo nas catro tempadas da serie de televisión Spartacus.

Primeiros anos De nai australiana e pai neozelandés, Bennett naceu e pasou uns poucos meses en Nova Zelandia ata trasladarse definitivamente a Australia. O pai era un coñecido cantante mentres que a súa nai posaba como modelo de bikinis. Bennett é un cruzamento de varias culturas, dende irlandesa por parte do seu pai ata colombiana por parte da súa nai.

Creceu entre Sydney e Newcastle, en 1986 volveu a Nova Zelandia para asistir ao Te Aute College e posteriormente volveu a Australia, onde foi elixido para formar parte do New South Wales Schoolboys Rugby Union Team. Porén, como Bennett estaba interesado principalmente na danza moderna, o ballet clásico e o piano, abandonou o rugby para asistir á universidade e estudar danza e drama. Posteriormente viaxou a Os Ánxeles xa que conseguiu unha bolsa para asistir ao Lee Strasberg Theatre Institute.

Carreira profesional A súa carreira profesional comezou no ano 1993, na telenovela xuvenil Paradise Beach. A continuación púidose velo con papeis como invitado nalgúns dramas da televisión australiana, entre eles Water Rats, All Saints e Beastmaster. A súa carreira televisiva continuou con títulos coma Xena: Warrior Princess, na que se pode recordar como Marco Antonio; Shortland Street, onde encarnou a Jack Hewitt entre 2000 e 2001; ou Street Legal, onde foi Matt Urlich.

Na pantalla grande obtivo o seu primeiro traballo como protagonista en 1999, nunha película chamada Tomoko, rodada en Tokyo. Os seus créditos inclúen os títulos Lantana, drama protagonizado por Anthony LaPaglia e Rachael Blake; Persecución extrema, na que traballou xunto a Robert Patrick e John Cena; La isla de los condenados, con Steve Austin e Vinnie Jones; e 30 días de oscuridad, que tivo no seu elenco a figuras como Josh Hartnett, Ben Foster e Melissa George.

Despois dunha década de penas e glorias por varias series e películas, chegoulle un importante papel como personaxe principal na serie Spartacus, titulada na súa primeira tempada Spartacus: Blood and Sand (2010), interpretando a Crixo, un fero galo invicto na area. A serie, cargada de escenas tórridas e sensuais, mostra a Bennett espido en varias ocasións, o que non deixou o público indiferente. Tras o éxito da primeira tempada, rodouse unha precuela titulada Spartacus: Gods of the arena (2011), que conta a historia do ludus de Léntulo Batiato previa á chegada de Espártaco e o nacemento do campión de Capua, Crixo (Bennett). Tras esta rodáronse outras dúas tempadas: Spartacus: Vengeance (2012) e Spartacus: War of the Damned (2013), nas que Bennet mantivo o seu papel ata a morte do personaxe na batalla nun dos últimos capítulos da serie.

Os seus últimos traballos foron a interpretación do xefe orco Azog, na Triloxía O Hobbit, de Peter Jackson (2012-2014) e nas dúas tempadas da serie Arrow, no papel de Slade Wilson, un supervilán ou antiheroe, alcumado «Deathstroke». É un asasino e mercenario inxectado de «Mirakuru», sendo na segunda tempada da serie o antagonista principal.

Filmografía Ano Cine / Televisión Papel 1993 Paradise Beach Kirk Barsby 1994 Blue Heelers Mark Davies 1996 Water Rats Joseph Lipinski1998 All Saints Darren The Violent Earth Wanatcha DuValier 1999 Beastmaster Terron Leader2000 Xena: Warrior Princess Marco Antonio Shortland Street Jack Hewitt2001 Lantana Steve Veldez Street Legal Matt Urlich 2006 The Marine Bennett2007 The Condemned Paco 30 Days of Night Oficial Billy Kitka 2010 Spartacus: Blood and Sand Crixo2011 Spartacus: Gods of the Arena Crixo Simbad and the Minotaur Simbad2012 Spartacus: Vengeance Crixo The Hobbit: An Unexpected Journey Azog Bikie Wars: Brothers in Arms Sunshine2013 Spartacus: War of the Damned Crixo Arrow Slade Wilson (Deathstroke) The Hobbit: The Desolation Of Smaug Azog2014 The Hobbit: The Battle of the Five Armies Azog Arrow Slade Wilson (Deathstroke)2016 The Shannara ChroniclesAlannon

Notas

Categoría:Actores de televisión de Nova Zelandia Categoría:Nados en 1969 Categoría:Nados en Rotorua