Os Atlanta Flames foron un equipo profesional de hóckey sobre xeo da cidade de Atlanta, Xeorxia (Estados Unidos) que competiron na National Hockey League (NHL) entre 1972 e 1980. Xogaban os seus partidos como local no Omni Coliseum de Atlanta e eran membros da West Division e posteriormente da Patrick Division da NHL. Xunto cos New York Islanders, os Flames foron creados en 1971 no marco do conflito entre a NHL e a rival World Hockey Association (WHA). O equipo gozou dun éxito modesto no xeo, clasificándose para os play-offs en seis das súas oito participacións na liga, mais non conseguiron superar ningunha eliminatoria e tan só conseguiron gañar dous partidos das series en total. A franquía esforzouse por atraer aos seareiros, mais despois de reunir unha media de tan só 10.000 espectadores por partido na tempada 1979–80, foi vendida e recolocada en Alberta baixo o nome de Calgary Flames.

Eric Vail foi o máximo goleador da franquía con 174, mentres que Tom Lysiak liderou ao equipo con 431 puntos. Guy Chouinard foi o único xogador da franquía que conseguiu anotar 50 goles nunha única tempada. O porteiro Dan Bouchard liderou ao equipo en vitorias (166) e shutouts (20).En hóckey sobre xeo un shutout consiste en que o porteiro dun equipo consiga non encaixar ningún gol ao final do partido. Dous xogadores dos Flames gañaron o Calder Memorial Trophy ao mellor rookie:O termo rookie fai referencia aos xogadores no seu primeiro ano na liga. Vail na tempada 1974–75 e Willi Plett na tempada 1975–76. Bob MacMillan gañou o Lady Byng Memorial Trophy ao xogador co maior espírito deportivo na tempada 1978–79. O Xerente Xeral Cliff Fletcher é o único membro da franquía que foi introducido no Hockey Hall of Fame.

Historia

Creación A National Hockey League (NHL), que aumentara o número de equipos participantes de seis en 1966 a catorce en 1970, non tiña planeada ningunha outra ampliación ata polo menos 1973. A formación en 1971 dunha nova gran liga profesional, a World Hockey Association (WHA), alterou os plans da NHL e deu como resultado unha loita entre as dúas ligas polos xogadores e os mercados. A NHL tratou de excluír a WHA do recentemente construído Nassau Coliseum en Long Island, Nova York. A liga tamén optou por situar un equipo no sur dos Estados Unidos. O 9 de novembro de 1971, a NHL anunciou que crearía dous equipos de expansión en Long Island e Atlanta. A franquía de Atlanta foille concedida a Tom Cousins, que tamén posuía o equipo de baloncesto dos Atlanta Hawks, e xogaría os seus partidos como local no Omni Coliseum. O custo do equipo foi de 6 millóns de dólares. Cousins púxolle o nome de Flames (chamas, lapas, labaradas) á nova franquía en homenaxe ao incendio de Atlanta por parte do xeneral estadounidense William Sherman durante a Guerra Civil Estadounidense.

Os Flames contrataron a Cliff Fletcher, que xa traballara para os St. Louis Blues, para exercer de Xerente Xeral do equipo. O ex xogador dos Montreal Canadiens Bernie Geoffrion foi contratado como adestrador do equipo. O equipo formou o seu cadro de xogadores a partir dun draft de expansión que tivo lugar o 6 de xuño de 1972. Fletcher centrouse na portería, escollendo a Phil Myre na súa primeira selección e o rookie Dan Bouchard na súa segunda. Fletcher seleccionou un cadro competente, mais novo e sen experiencia. Dous días despois, os Flames seleccionaron a Jacques Richard como segunda elección no draft de 1972.

1972–1975 miniatura|250px|Keith McCreary, primeiro capitán dos Atlanta Flames. Os Flames debutaron na NHL en Long Island fronte ao outro equipo de expansión creado esa tempada, os New York Islanders, o 7 de outubro de 1972. Gañaron o partido por 3 goles a 2, e Morris Stefaniw marcou o primeiro gol na historia da franquía na NHL no Nassau Veterans Memorial Coliseum. Unha semana despois, o 14 de outubro, o equipo debutou como local. O Omni Coliseum acolleu o primeiro evento da súa historia, no que os Flames empataron fronte aos Buffalo Sabres, 1–1, ante un estadio cheo con 14.568 espectadores. O papel do equipo foi respectable ao longo da maior parte da tempada sustentándose nas actuacións dos porteiros Bouchard e Myre, e a mediados de xaneiro, tiñan un rexistro de 20-19-8 vitorias-derrotas-empates. Os Flames gañaron tan só cinco partidos máis no resto da tempada, finalizando cun rexistro de 25–38–15. Atlanta finalizou na sétima posición da West Division, non conseguindo clasificarse para os play-offs. O equipo tivo un éxito razoable na venda de entradas: vendeu preto de 7.000 abonos de tempada ao principio da tempada, e tivo unha media de 12.516 espectadores por partido.

Tom Lysiak, seleccionado na segunda posición no draft de 1973, uniuse aos Flames na tempada 1973-74 causando un impacto inmediato. Lysiak liderou aos Flames en anotación con 64 puntos e finalizou por detrás do xogador dos Islanders Denis Potvin na votación para o Calder Memorial Trophy como mellor rookie da NHL. Co seu mellor rexistro de 30–34–14, os Flames finalizaron na cuarta posición da West Division e clasificáronse para os play-offs da Stanley Cup de 1974. O equipo debutou na pos-tempada fronte aos campións da división, os Philadelphia Flyers. O primeiro partido, disputado o 9 de abril de 1974, foi unha vitoria por 4 goles a 1 dos Flyers. Philadelphia derrotou aos Flames nas series ao mellor de sete partidos con catro vitorias consecutivas. Geoffrion foi eloxiado polo seu labor como adestrador do equipo e finalizou na segunda posición na votación para o Jack Adams Award ao mellor adestrador.

A expansión da NHL na tempada de 1974–75 provocou un realiñamento dos equipos. A liga mudou o seu formato a unha estrutura de catro divisións, situando aos Flames na Patrick Division. Lysiak repetiu como máximo anotador dos Flames con 77 puntos mentres que Eric Vail, xogando a súa primeira tempada completa, liderou ao equipo con 39 goles. Vail foi o mellor entre todos os rookies e conseguiu o Calder Trophy. O equipo sobrepúxose a unha serie de 8 derrotas en decembro e ás lesións de varios xogadores importantes para finalizar a súa primeira tempada gañadora cun rexistro de 34–31–15. Con todo, finalizaron na cuarta posición da Patrick Division e non conseguiron clasificarse para os play-offs. Alegando motivos persoais, Geoffrion renunciou como adestrador xefe a final da tempada. Foi substituído por Fred Creighton, que adestrara ao equipo asociado aos Flames, os Omaha Knights. Posteriormente Fletcher acreditou que a personalidade extravertida de Geoffrion fora o motivo principal polo que a xente de Atlanta seguiu aos Flames durante as primeiras tempadas, mentres que os xogadores do equipo indicaron posteriormente o estilo de adestramento máis técnico e pedagóxico de Creighton.

1975–1980 miniatura|esquerda|250px|Eric Vail loita pola posición fronte á portería nun partido ante aos Colorado Rockies en 1978. Creighton creou un equipo consistente, mais non excepcional, finalizando na terceira posición da Patrick Division nas tres seguintes tempadas e gañando algúns partidos máis dos que perdían cada ano. O equipo clasificouse para os play-offs nas tres tempadas, mais foron eliminados na primeira rolda todas as veces. Na tempada 1975–76 foron derrotados por Los Angeles Kings nunha serie ao mellor de tres partidos por 2 partidos a 0. Os Kings eliminaron de novo aos Flames na tempada 1976–77, mais os de Atlanta conseguiron a primeira vitoria nos play-offs da súa historia no segundo partido das series. Vail marcou o gol gañador na vitoria por 3 goles a 2 o 7 de abril de 1977, mais os Flames foron eliminados no terceiro partido. No draft de 1975 Willi Plett emerxeu como xove estrela para os Flames. Anotou 33 goles na súa primeira tempada como profesional na 1976–77 e gañou o Calder Trophy.

Buscando a mellora da fortuna do seu equipo, Fletcher realizou varios movementos nas seguintes tempadas para reelaborar o cadro de xogadores dos Flames. O seu tándem de porteiros de Bouchard e Myre comezara a pelexa entre si na tempada 1977–78, cando ambos buscaron máis tempo de xogo. Fletcher respondeu nomeando a Bouchard como o seu primeiro porteiro e cambiando a Myre aos St. Louis Blues a cambio de tres xogadores. O equipo clasificouse para os play-offs de novo, mais foron o único equipo que caeu fronte a un equipo cun peor rexistro de puntos que eles, os Detroit Red Wings, na serie ao mellor de tres partidos, por 2 partidos a 0. En marzo de 1979, Fletcher realizou un traspaso de oito xogadores que levou ao líder de anotación da franquía Tom Lysiak e a catro xogadores aos Chicago Black Hawks a cambio de tres xogadores, encabezados polo defensa Phil Russell. Fletcher esperaba que a chegada de Russell axudara a que o seu equipo conseguira o éxito nos play-offs.

Alentados por un récord de 10 vitorias consecutivas en outubro de 1978, na tempada 1978–79 os Flames conseguiron o seu mellor rexistro de todas as súas tempadas en Atlanta con 41 vitorias, 31 derrotas e 8 empates. Bob MacMillan, adquirido no intercambio de Myre, converteuse no primeiro xogador dos Flames (excluíndo a Lysiak) en liderar ao equipo en anotación en seis anos e, xunto con Guy Chouinard, foi un dos primeiros dous xogadores dos Flames en anotar 100 puntos nunha tempada. Chouinard converteuse tamén no primeiro xogador do equipo en anotar 50 goles nunha tempada. MacMillan gañou o Lady Byng Memorial Trophy esa tempada como xogador máis deportivo da NHL. Nos play-offs fronte aos Toronto Maple Leafs, Atlanta unha vez máis non puido gañar un partido e perderon a serie ao mellor de tres partidos por 2 partidos a 0.

Fletcher continuou a mudar a aparencia do seu equipo durante a 1978-79. Al MacNeil sucedeu a Creighton como adestrador xefe antes do inicio da tempada, e o equipo adquiriu a estrela sueca Kent Nilsson logo da caída da WHA. Nilsson liderou o equipo de Atlanta en anotación con 40 goles e 53 asistencias. No draft de 1979, Fletcher seleccionou catro xogadores – Paul Reinhart, Jim Peplinski, Pat Riggin e Tim Hunter – que finalmente se converterían en habituais na aliñación dos Flames. Con todo, aínda que os Flames se clasificaron de novo para os play-offs en 1980, perderon de novo na primeira rolda, caendo na serie ao mellor de cinco partidos fronte aos New York Rangers por 3 partidos a 1.

Traslado a Calgary miniatura|dereita|Os Calgary Flames recoñecen a súa etapa en Atlanta empregando o logo "Flaming A" para designar aos capitáns suplentes do equipo. A medida que o equipo se foi estancando no xeo, os Flames loitaban no portelo. O equipo acadou unha media de 14.161 espectadores por partido na súa segunda tempada, a 1973-74, mais caeu aos 12.258 tres anos despois, e posteriormente aos 10.500 na tempada 1977-78. As preocupacións pola escasa afluencia de público que podía dar lugar a unha recolocación do equipo saíron á luz en 1976, o que levou a políticos e aos propios xogadores a mercar abonos nun intento por estabilizar a franquía. Os Flames trataron de impulsar a asistencia en 1980 coa fichaxe de Jim Craig, porteiro do equipo olímpico estadounidense que gañara o ouro olímpico logo da súa vitoria sobre a Unión Soviética dentro do "Miracle on Ice". O que non resultou un éxito, caendo a asistencia a 10.024. Aos problemas financeiros sumóuselle o feito de que o Omni Coliseum foi construído sen palcos de luxo que puideran xerar maiores ingresos, sendo un dos últimos grandes estadios de América do Norte en ser construído sen eles, o que levou a Fletcher a considerar a instalación como "obsoleta xa ao inaugurarse".