Henrique ou Enrique de Vedia y Goossens ou Gössens, nado en Balmaseda (Biscaia) o 15 de outubro de 1802 e finado en Xerusalén o 8 de outubro de 1863 foi un historiador e diplomático español, Comendador da Orde de Carlos III.

Traxectoria De orixe fidalga, era fillo do uruguaio Lorenzo Antonio de Vedia y Ramallo, que chegou a Balmaseda por herdar os bens morgados da súa casa, e de Magdalena de Goossens y Ponce de León. Falaba francés, inglés e italiano e foi dono dunha importante biblioteca.

Foi xefe político de diferentes provincias, entre elas da Coruña. Mentres o foi da provincia de Burgos recibiu a Théophile Gautier e ensinoulle a catedral, visita que deixou constatada o escritor en Voyage en Espagne. Foi tamén amigo de Pascual Gayangos e de Antonio Ferrer del Río e tivo os cargos de Secretario da Gobernación do Reino e Cónsul de España en Liverpool e Xerusalén. Finou nesa cidade en 1863 cando preparaba o seu regreso a España.

Obras Dirixiu os dous volumes de Historiadores primitivos de Indias Madrid: Imprenta de Manuel Rivadeneyra, 1852-1853) da Biblioteca de Autores Españoles (1877-1913), con edicións de crónicas e textos de Hernán Cortés (1485-1547), Pedro de Alvarado, Francisco López de Gómara (1510-1541), Diego de Godoy (s. XVI), Gonzalo Fernández de Oviedo (1478-1557), Álvar Núñez Cabeza de Vaca (s. XVI), Bernal Díaz del Castillo (1492-¿1581?), Francisco de Xerez (s. XVI), Pedro Cieza de León (1518-1554) e Agustín de Zárate (s. XVI).

Traduciu ao castelán e anotou xunto con Pascual Gayangos History of Spanish Literature do hispanista George Ticknor e compuxo unhas Memorias para la historia... de la villa de Balmaseda e unha Historia y descripción de la ciudad de La Coruña (1845).Biblioteca de Galicia

Honra A Biblioteca Pública de Balmaseda leva o seu nome. En 1946 bautizouse como Historiador Vedia unha rúa da Coruña que anteriormente recibía o nome de Alfredo Vilas.

Notas

Categoría:Escritores do País Vasco Categoría:Gobernadores civís de Galicia Categoría:Nados en Balmaseda Categoría:Nados en 1802 Categoría:Finados en 1863 Categoría:Personalidades sen imaxes