Guadalupe Cribeiro Galego, coñecida como Guadi Galego, nada en Cedeira en 1974, é unha cantante galega.
Traxectoria Guadi Galego comezou a súa formación de música dende moi nova. Dende o ano 1997 foi gaiteira, pianista e vocalista no grupo Berrogüetto, co que gravou tres discos até xaneiro de 2008 (Viaxe por Urticaria, Hepta e 10.0). Tamén formou parte do dúo Espido e de Nordestin@s.
A súa carreira en solitario iniciouse co álbum Benzón, que se publicou en 2009. Este disco foi moi aclamado pola crítica galega e a española, recibindo o Premio Opinión ao mellor disco folk do ano e a candidatura á mellor canción en galego nos Premios da Música polo tema "Madama", no que colaboraban Pedro Pascual e Rosa Bugallo.
En 2012 uniuse aos músicos Xabier Díaz, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero para formar o grupo aCadaCanto que sacou un disco de igual nome ese ano e outro en 2013 titulado A rosa d'Adina, no que musicaron versos de Rosalía de Castro.
Presentou o seu disco Lúas de outubro e agosto o 25 de novembro de 2014, Día Internacional da eliminación da Violencia contra a muller, no que inclúe a canción "Matriarcas" facendo unha homenaxe ás mulleres reais e a súa vida cotiá. En 2016 presentou o seu terceiro álbum en solitario, titulado O mundo está parado.
No mes de maio, con motivo das actividades do Día das Letras Galegas en 2017, participou nun acto organizado polo Centro de Formación e Recursos (CFR) co obxectivo de fomentar o canto coral nos colexios e institutos utilizando como base o repertorio de grupos e cantantes galegos actuais. Xuntáronse nunha nave do estaleiro Navantia uns mil estudantes de Primaria e Secundaria para gravar, xunto a Guadi Galego, o seu tema "Chea de vida" baixo a batuta de Ramón Bermejo.
No ano 2018, colaborou con Iván Ferreiro na banda sonora da serie Fariña. O 17 de maio, Día das Letras Galegas, actuou no programa televisivo Late Motiv de Andreu Buenafuente convidada expresamente como artista galega para actuar en directo nun programa estatal."Guadi Galego: "Estamos pasando por un dos momentos máis duros para a lingua galega" Praza.gal. 17/5/2018.https://www.youtube.com/watch?v=MrVvEH6BAOY
En outubro de 2019 publicou Immersion, un álbum no que interpretou temas dos seus tres discos anteriores, mais esta vez en sete linguas da Península Ibérica: catalán, éuscaro, aranés, asturiano, portugués, castelán e galego. Contou con colaboracións de numerosos artistas como Iván Ferreiro, Vega, Lisandro Aristimuño, Germán Díaz, Andrés Suárez Otero, Mikel Urdangarin ou Abe Rábade. En novembro de 2020 publicou Costuras, o seu sexto disco en solitario, formado por dez novos temas.
Discografía alt=Guadi Galego na gravación de IMMERSION|miniatura|Guadi Galego na gravación de IMMERSION Traballos con Berrogüetto
Viaxe por Urticaria (1999). Hepta (2002). 10.0 (2006).
Traballos con Espido
Espido (2005).
Traballos con Nordestin@s Nordestin@s (2006).
Traballos propios
Benzón (2009). Lúas de outubro e agosto (2014). O mundo está parado (2016). Bóla de cristal (2018). Immersion (2019). Costuras (2020). Pélago. Contos Oníricos (2025). Con formato de disco-libro, as letras xunto coas ilustracións de María Maquieira e un prólogo de Antonio García Teijeiro.
Traballos con aCadaCanto aCadaCanto (2012). A rosa d'Adina (2013).
Galardóns Premio Opinión outorgado pola crítica especializada ao segundo mellor álbum galego do 2005, por Espido. Premio Opinión outorgado pola crítica especializada ao mellor álbum galego do 2009, por Benzón. Premio da Crítica Galicia de Música no 2015. Premio Bos e Xenerosos da Fundación Eduardo Pondal en 2015. Premio Martín Códax 2016 na categoría de canción de autor. Premio Rebulir da Cultura Galega 2018 na categoría de Música Galega.
Premio do Día Internacional da muller rural 2018 da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (FADEMUR) e a Deputación da Coruña.
Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado 2020
Con Berrogüetto Premio Opinión outorgado pola crítica galega ao mellor álbum galego no 2002. Finalista do premio ao mellor álbum en galego na VI Edición de los Premios de la Música, outorgado pola Academia de las Artes y las Ciencias de la Música no 2002. Preis Der Deutschen Schallplattenkritik, premio da crítica alemá ao mellor grupo folk no 2002. Nomeamento pola Academia Latina de Artes e Ciencias da Gravación á 3ª edición dos Premios Grammy Latinos no apartado de Mellor Álbum de Música Folk no 2002. Preis Der Deutschen Schallplattenkritik, premio da crítica alemá ao mellor disco de World Music por 10.0 no 2007. Premio Opinión outorgado pola crítica galega ao segundo mellor álbum galego por 10.0 no 2007. Finalista do premio ao mellor álbum en galego na edición dos Premios de la Música, outorgado pola Academia de las Artes y las Ciencias de la Música no 2007.
Con Nordestin@s Premio La Opinión outorgado pola crítica galega ao mellor álbum galego do 2006.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Páxina web "O meu pop de autora é un chisco sofisticado e con cheiro a música popular"" Praza.gal, 24/11/2014.
Categoría:Músicos de Galicia Categoría:Cantantes de Galicia Categoría:Nados en Cedeira Categoría:Nados en 1974 Categoría:Cantantes en lingua galega Categoría:Grupos musicais en galego