Santa Isabel de Camposancos, ou A Visitación de Santa María de Camposancos, é unha parroquia que se localiza no concello da Guarda. É unha das 9 entidades locais menores de Galicia. Segundo o padrón municipal de 2020, ten 1.073 habitantes distribuídos en 9 entidades de poboación. En 2014 tiña 1.088 (567 mulleres e 521 homes), en 2004 contaba con 987 habitantes, e en 1999, con 913. Está situada na beira dereita da foz do río Miño, polo que tamén dá ao océano Atlántico. Pertence á diocese de Tui-Vigo, na que está incluída o arciprestado da Guarda-Tebra.

Historia Etimoloxicamente, o topónimo Camposancos é de orixe latina e equivale a "campos en ángulo".

Sábese que no lugar existiu un mosteiro templario do cal non quedan restos agás as columnas aparecidas nunhas reformas. En 1798 Camposancos erixiuse en parroquia independente ao separarse da de Salcidos. A igrexa parroquial da Visitación comezou a construírse en 1816 e non se rematou ata 1856.

Durante o antigo réxime o couto medieval de Camposancos pertenceu como anexo ao partido xurisdicional de Barrantes (provincia de Tui) e dependeu do bispado de Tui, que arrendaba os seus bens aos veciños da parroquia, até que foi abolido este foro en 1870. Trala división territorial de España en 1833 constituíuse como concello de seu, pero en 1836 pasou a integrarse no termo municipal da Guarda.

Camposancos ten a consideración de entidade local menor desde o 23 de maio de 1925, o que lle permitiu ter o seu propio alcalde e un edificio oficial. Para levar a cabo calquera actuación en Camposancos, o concello da Guarda debía por lei informar á entidade local de tal actuación, aínda que esta non tivese o poder de cancelala. A metade dos impostos que recadaba a localidade pasaban á entidade local.

Colexio dos xesuítas de Camposancos e campo de concentración

O colexio dos xesuítas de Camposancos foi fundado en 1876. Por primeira vez en España, os xesuítas intentaban instituír unha universidade privada, que finalmente só estivo en activo durante cinco anos. O colexio chegou a contar cun prestixio enorme ata o punto de que del xurdiron dúas notables institucións como a Universidade de Deusto e a Universidade Pontificia de Comillas. Entre os alumnos avantaxados que saíron do colexio están o político pontevedrés Manuel Portela Valladares, que chegaría a ser ministro e presidente do goberno na Segunda República, ou o filósofo, escritor e político Antón Losada Diéguez. De 1916 a 1932 foi ocupado polos seus irmáns de relixión portugueses, etapa durante a cal contou con estudantes como o director de cine Manoel de Oliveira. So a Segunda República a orde dos xesuítas foi expulsada e o centro pasou a ser un sanatorio. miniatura|O pailebote Constantino Candeira en 1918 no estaleiro de Camposancos. Nel estivo embarcado Manuel Antonio en 1926 e 1927.Saa González, Ignacio (2014/11/10). Constantino Candeira. Porto de Camposancos (Río Miño) Convertido en hospital, o recinto do Colexio dos Xesuítas acolleu durante a guerra civil española e a posguerra o campo de concentración de Camposancos. Habilitado como centro de reclusión a finais de 1937, chegou a estar ocupado en 1938 por 1.066 reos, cando a capacidade —segundo informe oficial do réxime franquista— era de 868 presos. As fontes diverxen en torno a poboación reclusa que pasou por el, mais oscila entre os 2.000 e os 3.000 presos.

En 1943 volveu ser un centro de ensino dos xesuítas, aínda que non retornou ó esplendor doutrora e pechou as aulas en 1959.

Dada a súa privilexiada posición na foz do Miño, houbo un proxecto dunha construtora para converter o edificio nun complexo turístico de luxo.

Presente A Comunidade de Montes Veciñais de Camposancos celebra desde hai anos unha festa gastronómica na que se enxalza a paleta e o lacón: a paletada-laconada de Santo Amaro.

A II Xuntanza de Palilleiras de Galicia celebrouse nos salóns da Asociación “Os Amigos” de Camposancos o 25 de xullo de 2006 a coa participación de 65 afeccionadas á arte do encaixe de bolillos.

División eclesiástica Eclesiasticamente, pertence ó arciprestado da Guarda-Tebra, na diocese de Tui-Vigo.

Política Nas eleccións locais de 2019 presentáronse tres candidaturas á entidade local de Camposancos: BNG: 282 votos PSdeG-PSOE : 192 votos PP: 158 votos En branco : 12 votos Nulos : 17 votos

Mercedes Martínez Vázquez (BNG) foi proclamada alcaldesa pedáneaDisposición 13263 do BOE núm. 223 de 2019.

Galería de imaxes

Lugares e parroquias Lugares de Camposancos

Parroquias da Guarda

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Lugares da Guarda

Ligazóns externas Arquivo da Entidade Local Menor de Camposancos Deputación de Pontevedra Campo de concentración de Camposancos asturiasrepublicana.com Memorial de Camposancos, un documental de José Ballesta de Diego.

Categoría:Parroquias da Guarda Categoría:Entidades locais menores de Galicia Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de santa Isabel Categoría:Topónimos galegos con etimoloxía