O factor sensible á N-etilmaleimida, tamén chamado proteína de fusión sensible á N-etilmaleimida, abreviada como NSF (do inglés N-ethylmaleimide sensitive factor ou N-ethylmaleimide sensitive fusion protein), é un encima que nos humanos está codificado no xene NSF do cromosoma 17. Intervén na fusión de membranas de vesículas sinápticas con outras membranas.
O NSF foi descuberto por James Rothman e colegas en 1987 mentres traballaba na Universidade Stanford; estes investigadores identificaron o NSF despois de observar que un factor citplasmático, necesario para a fusión de membranas, era inactivado polo tratamento con N-etilmaleimida. Este ensaio permitiulles purificar o NSF.
Función
O NSF é unha ATPase AAA homohexamérica implicada na fusión de membranas. O NSF atópase no citoplasma das células eucarióticas. É un compoñente central da maquinaria celular na transferencia de vesículas rodeadas de membrana dun compartimento membranoso a outro. Durante este proceso, as proteínas SNARE das dúas membranas que se están unindo (xeralmente unha vesícula e unha membrana diana como a membrana plasmática) forman un complexo apertado. Isto facilita a fusión da vesícula coa membrana diana. Propúxose que o papel do NSF é desfacer os complexos SNARE unha vez que se produciu a fusión de membranas, utilizando a hidrólise do ATP como fonte de enerxía, o que permitiría que os SNAREs disociados sexan reciclados para volver a usarse noutras roldas de fusión de membranas. Porén, esta proposta é controvertida. Traballos recentes indican que a función de ATPase do NSF non funciona na reciclaxe de vesículas senón máis ben actúa na fusión de vesículas coa membrana plasmática.
Hipótese SNARE
Como a función neuronal depende da liberación de neurotransmisores na sinapse (un proceso no cal se fusionan vesículas sinápticas coa membrana presináptica), o NSF é un compoñente sináptico esencial. Así, as mutacións sensibles á temperatura condicionais no xene para o NSF de Drosophila melanogaster orixinan un comportamento comatoso á temperatura restritiva (e por iso o xene se chama comatose), seguramente porque as funcións neuronais están bloqueadas. Na ameba Dictyostelium discoideum, unhas mutacións similares causan o cesamento do movemento celular á temperatura restritiva, o que indica que exercen un papel no transporte de membranas intracelular durante a migración. Outro papel neuronal do NSF é indicado pola súa unión directa subunidade GluR2 dos receptores de glutamato de tipo AMPA (que detectan o neurotransmisor glutamato). Isto dálle ao NSF un presunto papel na entrega e expresión de receptores AMPA na sinapse.
Interaccións A NSF presenta interaccións con: NAPA.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Proteínas