Margarita Salas Falgueras, nada en Caneiru (Valdés) o 30 de novembro de 1938 e finada en Madrid o 7 de novembro de 2019, foi unha bioquímica asturiana.

Traxectoria Licenciada en Ciencias Químicas pola Universidade Complutense de Madrid, publicou máis de 200 traballos científicos. Foi discípula de Severo Ochoa, co que traballou nos Estados Unidos, despois de facelo con Alberto Sols en Madrid. Casada co tamén científico Eladio Viñuela, xuntos encargáronse de impulsar a investigación española no campo da bioquímica e da bioloxía molecular.

Pertenceu a varias das máis prestixiosas sociedades e institutos científicos nacionais e internacionais, colaborando e sendo membro do consello editorial de importantes publicacións científicas. Obtivo diferentes galardóns, sendo nomeada "Investigadora Europea" en 1999 pola UNESCO, e recibiu o premio Xaime I de investigación en 1994. Foi directora do Instituto de España (1995-2003), organismo que agrupa á totalidade das Reais Academias Españolas.

Investigou no Centro de Bioloxía Molecular "Severo Ochoa", centro de investigación mixto do CSIC e da Universidade Autónoma de Madrid, traballou dende finais dos 1960 co virus bacteriófago Phi29, que infecta unha bacteria non patóxena, Bacillus subtilis, de grande utilidade na investigación en biotecnoloxía.

Foi membro da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais (dende 1988) e presidenta da Fundación Severo Ochoa. O 4 de xuño de 2003 tomou posesión da cadeira i da Real Academia Española, sendo a primeira muller científica en ingresar nesta institución.

En maio de 2007 foi nomeada membro da Academia Nacional de Ciencias dos Estados Unidos, sendo a primeira muller española da institución.

En xullo de 2008, polo Real Decreto 1175/2008, BOE do 12 de xullo, o rei Xoán Carlos I nomeouna Marquesa de Canero.

No 2019, con máis de 80 anos, seguía a traballar diariamente como investigadora no laboratorio.

No 2022 o Ministerio de Ciencia e Innovación publicou as bases da primeira convocatoria dos Premios Nacionales de Investigación para Jóvenes, entre eles o Premio Nacional Margarita Salas, na área de bioloxía.

Premios destacados 1994 Premio Rey Jaime I de Investigación. 1999 Premio Nacional de Investigación Santiago Ramón y Cajal. 2000 Premio L'Oréal-UNESCO a Mulleres en Ciencia 2005 Medalla de Ouro ó Mérito no Traballo. 2016 Medalla Echegaray (Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais) Foi a primeira muller en recibila.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

De Marchi, Vichi,. (2020). Ellas son de ciencias : Historias, pasiones y sueños de 15 científicas. Madrid: Ediciones del Laberinto. ISBN 978-84-1330-038-2 Palacios, Mercedes (2020). Visionarias. Inventoras desconocidas. Ed. Bridge. ISBN: 9788416670888.

Outros artigos A ciencia ten nome de muller (en Wikibooks)

Ligazóns externas

Margarita Salas na exposición virtual Mulleres na Ciencia

¿Por qué tan pocas? Margarita Salas

Categoría:Científicos de España Categoría:Académicos da Real Academia Española Categoría:Nados en Valdés Categoría:Nados en 1938 Categoría:Finados en 2019 Categoría:Alumnos da Universidade Complutense de Madrid Categoría:Doutores honoris causa pola Universidade de Cádiz Categoría:Doutores honoris causa pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo Categoría:Biólogos de España Categoría:Doutores honoris causa pola Universidade Rei Xoán Carlos Categoría:Bioquímicos de España Categoría:Biólogos moleculares