A Marcha eslava en Si bemol menor, Op. 31 (tamén comunmente coñecida polo seu nome en francés Marche slave) ou Marcha serbo-rusa é unha composición orquestral de Petr Ilich Chaikovskii.
Antecedentes En xuño de 1876, Serbia e o Imperio Otomán estaban enfrontados na guerra serbo-turca, na que o Imperio Ruso apoiou abertamente a Serbia. A Sociedade Musical Rusa encargou unha peza orquestral a Chaikovski para un concerto benéfico en favor da Cruz Vermella e como apoio aos veteranos de Serbia. Moitos rusos simpatizaban cos seus irmáns eslavos e ortodoxos e marcharon como voluntarios para axudar a Serbia durante os combates.
Chaikovski referiuse a esta peza como a Marcha Serbo-Rusa mentres a escribía. Foi estreada en Moscova o , dirixida por Nikolai Rubinstein.
Descrición A marcha é moi programática na súa forma e organización. Na primeira sección descríbese a opresión dos serbios polos turcos. Utiliza dúas cancións populares serbias. A primeira, Sol brillante, xa non brillas igual (en serbio: "Sunce jarko, ne sijaš jednako"), é interpretada desde o principio, segundo a indicación de Chaikovskii, "á velocidade dunha marcha fúnebre". A segunda canción popular "Con alegría o serbio convértese en soldado" (en serbio: "Rado ide Srbin u vojnike") é máis optimista no seu carácter.
No episodio seguinte, que describe as atrocidades nos Balcáns e no que Chaikovskii utiliza o seu dominio da orquestra para crear un tremendo clímax no momento no que reaparece a primeira canción popular, as trompetas tocan moi forte como un grito de auxilio. O tempestuoso ánimo amaina dando paso á segunda sección en clave relativamente máis severa, que describe a reunión rusa para axudar aos serbios. Isto baséase nunha simple melodía de carácter rústico dunha danza que desfila pola orquestra ata que finalmente dá paso a unha pasaxe solemne co himno nacional ruso "Deus salve o Tsar".
A terceira sección da peza é unha repetición do furioso clímax orquestral de Chaikovskii, no que se reitera a chamada de auxilio serbia. A última sección describe a marcha dos voluntarios rusos para axudar aos serbios. Utiliza un ton ruso, esta vez nunha clave maior tónica e inclúe outra ardente versión de "Deus salve o Tsar" profetizando o triunfo da poboación eslava sobre a tiranía. A abertura complétase cunha virtuosa coda da orquestra completa.
A peza mantén algunhas relacións coa Abertura 1812, coa que se relaciona frecuentemente na súa interpretación.
Instrumentación A marcha é tocada por dúas frautas, dous frautíns, dous óboes, dous clarinetes en Si bemol, dous fagots, catro trompas en Fa, dúas cornetas en Si bemol, 2 trompetas en Si bemol, tres trombóns (dous tenores e un baixo), unha tuba, tres timbais, caixas orquestrais, címbalos, bombos, gongs e instrumentos de cordas.
Gravacións notables Orquestra Filharmónica de Londres dirixida por Adrian Boult. Orquestra Sinfónica de Detroit dirixida por Antal Dorati. Orquestra Sinfónica de Montreal dirixida por Charles Dutoit. Orquestra Filharmónica de Berlín dirixida por Herbert von Karajan. Orquestra Sinfónica de Chicago dirixida por Fritz Reiner. Orquestra Sinfónica de Londres dirixida por Leopold Stokowski. Orquestra Sinfónica de Gotemburgo dirixida por Neeme Jarvi. Royal Concertgebouw Orchestra dirixida por Bernard Haitink. Orquestra Sinfónica de St. Louis sirixida por Leonard Slatkin Orquestra Filharmónica de Israel dirixida por Leonard Bernstein. Orquestra de Filadelfia dirixida por Eugene Ormandy. Orquestra Sinfónica de Londres dirixida por Guennadi Rozhdestvenskii Royal Philharmonic Orchestra dirixida por Yuri Temirkanov. Orquestra do Teatro Mariinski dirixida por Valerii Gergiev.
Notas
Véxase tamén Bibliografía Brown D. (1982) "Tchaikovsky: A Biographical and Critical Study, Volume 2 The Crisis Years 1874-1878" pp99–102 Victor Gollancz, Londres. ISBN 0-575-03132-8 Garden E. (1973) "Tchaikovsky" p67 JM Dent and Sons ISBN 0460 031058
Outros artigos Abertura 1812 Deus salve o Tsar Petr Ilich Chaikovskii
Ligazóns externas Tchaikovsky Marche Slave op.31, RNO, Pletnev, 2005 Tchaikovsky. Slave march, op.31. Alexey Karabanov
Categoría:Composicións musicais de Petr Ilich Chaikovskii Categoría:Composicións musicais de 1876