O factor estimulante de colonias de macrófagos (M-CSF, do inglés Macrophague colony-stimulating factor), tamén chamado factor estimulante de colonias 1 (CSF1), é unha citocina segregada reguladora, que inflúe nas células nai hematopoéticas para que se diferencien en macrófagos ou outros tipos celulares relacionados. As células eucarióticas tamén producen o M-CSF para combater as infeccións virais intracelulares. Pode estar tamén implicado no desenvolvemento da placenta. O M-CSF (ou CSF1) únese a un receptor da superficie celular chamado receptor do factor estimulante de colonias 1.

Estrutura O M-CSF é unha citocina. A forma activa da proteína encóntrase extracelularmente como un homodímero unido por ponte disulfuro, e crese que se produce por clivaxe proteolítica de precursores unidos a membrana.

Atopáronse catro variantes de transcrición do xene desta proteína, que codifican tres isoformas.

Función

O M-CSF (ou CSF1) é un factor de crecemento hematopoético que está implicado na proliferación, diferenciación e supervivencia de monocitos, macrófagos, e células proxenitoras da medula ósea. O M-CSF afecta a macrófagos e a monocitos de varios modos, incluíndo o estímulo do incremento da actividade quimiotáctica e fagocítica, e o incremento da citotoxicidade en células tumorais. A función do M-CSF non está restrinxida á liñaxe celular de monocitos/macrófagos. Ao interaccionar co seu receptor de membrana (o CSF1R ou M-CSF-R codificado polo protooncoxene c-fms), o M-CSF tamén modula a proliferación de proxenitores hematopoéticos temperáns e inflúe en numerosos procesos fisiolóxicos implicados en inmunoloxía, metabolismo, fertilidade e embarazo.

O M-CSF liberado polos osteoblastos (como resultado da estimulación endócrina pola hormona paratiroide) exerce efectos parácrinos sobre os osteoclastos. O M-CSF únese a receptores situados na superficie dos osteoclastos inducindo a diferenciación, e finalmente orixina o incremento no plasma dos niveis de calcio, por medio da resorción ósea. Adicionalmente, obsérvase un alto nivel de expresión de M-CSF (ou CSF1) no epitelio endometrial do útero grávido, e tamén un alto nivel do seu receptor CSF1R no trofoblasto placentario. A activación do CSF1R trofoblástico por niveis locais altos de M-CSF (ou CSF1) é esencial para a implantación normal do embrión e o desenvolvemento placentario. Máis recentemente, descubriuse que este factor proteico e o seu receptor están implicados no desenvolvemento normal e no crecemento neoplásico da glándula mamaria.

Importancia clínica

O M-CSF producido localmente na parede dos vasos sanguíneos contribúe ao desenvolvemento e progresión da aterosclerose.

Ademais, o M-CSF xoga un papel na activación crónica de monocitos, a cal orixina moitas anormalidades metabólicas, hematolóxicas e inmunolóxicas en pacientes con insuficiencia renal crónica.

Interacción

O M-CSF presenta interaccións con PIK3R2.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos Factor estimulante de colonias, outros CSF

Ligazóns externas

Categoría:Citocinas