San Vicenzo de Bama é unha parroquia que se localiza no oeste do concello de Touro na comarca de Arzúa. Segundo o INE en 2024 tiña 240 habitantes (121 homes e 119 mulleres) distribuídos en 11 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 2000 cando tiña 347 habitantes.
Etimoloxía Do nome de Bama tense constancia por primeira vez no ano 912, como Vama. Derivaría do Galaico *uφamā- que significaría 'a máis baixa, o fondo' (en forma feminina).. Esta explicación aludiría a menor elevación da parroquia comparada coa contorna.
Xeografía A parroquia de San Vicenzo de Bama linda polo norte co concello do Pino, polo sur coa parroquia de Prevediños, polo leste con Loxo; sendo a separación entre as dúas parroquias o río Brandelos, e polo oeste co concello de Boqueixón e a parroquia de Prevediños. A parroquia ten boas comunicacións con Santiago pola A-54 e esta atravesada pola pista DP-6603 que se une a estrada AC-240 que vertebra o concello de Touro.
Economía Os sectores principais desta parroquia son o primario e secundario. Exemplo disto son empresas de transformación de materias primas da parroquia e da contorna, como Queixerías Bama, que se dedica á fabricación de queixos tradicionais con denominación de orixe Arzúa-Ulloa, a fábrica de iogur Gurgur, ou o serradoiro na aldea da Xesteira, Maderas Bama S.L.
Demografía
Patrimonio
Patrimonio arqueolóxico Castro da Roda. Castro de forma case perfectamente circular (120 metros no eixe N-S e 140 no E-W), delimitado por un parapeto en todo o perímetro cunha altura de 2,5 metros, acadando un máximo de 4 metros, salvo no sector NW no que se atopa destruído. No SE as defensas vense alteradas pola presenza dun pendello. A croa foi explanada para a construción dun campo de fútbol, agora abandonado.http://siotuga.xunta.gal/siotuga/documentos/urbanismo/TOURO/documents/27322CA002.PDF Túmulos da Zanca.
Arquitectura relixiosa
Igrexa parroquial de San Vicenzo de Bama. Ten a planta de cruz latina, realizada en granito. A fachada é de estilo neoclásico, ao igual que a torre do campanario. Cruceiro. Este cruceiro de cruz data do ano 1707, e foi trasladado e restaurado en 1935. Casa Reitoral, na Igrexa; Capela de Santo Isidro.
Arquitectura civil e popular
Muíños do Trillo, dás Cabadas, de Milleiros, de Ponte Dias e do Souto. Fontes e lavadoiros tradicionais de Milleiros Grande e de Sar. Hórreos de Belvís, Silva e Sar.
Recursos naturais
Fervenza dos Trillos, Fonte Natural de Santo Isidro e a Carballeira de Santo Isidro.
Festas As festas patronais de San Vicenzo celébranse a fin de semana máis próxima ao 22 de xaneiro. Festéxase tamén San Cidre (romaría na capela do mesmo nome a fin de semana máis próxima ao 15 de maio) e o San Ramón (primeira fin de semana de setembro).
O Entroido de Bama, coñecido como As Máscaras, ten lugar o domingo de Corredor, unha semana antes do domingo de entroido. O traballo para a celebración de tan singular festa comeza polo menos un mes antes onde se reúnen todos os que queren participar e vaise configurando a ruada, os xenerais, a vellada, o frade... Pola mañanciña ten lugar a ruada, conxunto de mozos e mozas vestidos de galegos ou disfrazados, van polas aldeas cantando, bailando e tocando.
A asociación A Pinguela de Bama (2017) realiza actividades vencelladas á posta en valor da música e o baile tradicional galego. Levou a cabo o proxecto “Dende a cociña” que trata de recoller e divulgar o patrimonio inmaterial nos concellos de Touro e O Pino. Deste dáse a coñecer o termo morada que fai referencia a uns bailes que se facían en varias parroquias como Bama, Loxo, ou Lavacolla ata os anos 1960-1970. Normalmente comezaban a finais de xaneiro, cando xa medraban algo os días, e duraban ata o Entroido. Estas festas tiñan lugar os domingos pola tarde ao longo de varias semanas e nelas tocaba un grupo de gaiteiros, pagado co diñeiro que recadaban os mozos cando saían a cantar a Panxola e os Reis durante o Nadal.
Galería de imaxes
Lugares e parroquias Lugares de Bama
Parroquias de Touro
Notas
Véxase tamén Outros artigos Lugares de Touro
Categoría:Parroquias de Touro Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de san Vicenzo