, tamén traducido ó galego como As bólas máxicas, é o nome dun manga xaponés e dunha serie de anime creados por Akira Toriyama. O manga publicouse inicialmente na revista semanal Shōnen Jump entre 1984 e 1995 e orixinalmente editouse en 42 tomos individuais chamados Tankōbon. No 2004 volveuse publicar o manga nunha colección de 34 volumes, chamados Kanzenban, que incluía un final lixeiramente modificado. O manga deu orixe a tres series de anime: As bólas máxicas, Dragon Ball Z e aínda Dragon Ball GT, unha terceira serie cunha historia non baseada no manga.

Esta serie incrementou espectacularmente o interese polo manga en todo o mundo. Porén, a violencia de moitos dos seus episodios provocou que, en Occidente, se pedira moitas veces a retirada deste anime e incluso a súa prohibición. Malia isto, ou tal vez por esas polémicas, tivo un enorme éxito que a levou a ter máis de 500 capítulos en total e unha vintena de películas, ademais dunha extensa oferta comercial que á parte dos cómics e das películas, inclúe ducias de videoxogos e xoguetes, entre outros.

Introdución

A historia de Dragon Ball conta a vida e aventuras de Son Goku, un cativo con rabo de mono baseado na lenda chinesa Viaxe ó oeste (西遊記) , dende a súa infancia ata que chega a ser avó. Durante a súa vida, Son Goku loitará en moitas batallas ata converterse no loitador de artes marciais máis forte do Universo. Ademais non está só, xa que ten a axuda dun gran número de aliados que combaterán cos viláns, proporcionando o conflito que conduce a historia.

As Dragon Balls (Bólas do Dragón ou Bólas Máxicas) do título son un dos compoñentes da serie, mais non son cruciais. Son sete esferas máxicas que están espalladas polo planeta. Cando se reúnen todas, pódense usar para invocar o dragón Shenron, que concede un desexo. Despois de se cumprir o desexo, as bólas vólvense espallar polo planeta e fican inertes durante un ano. No pasado, facían falta xeracións para atopar as 7 bólas. Non obstante, ao principio da historia, unha rapaza de 16 anos chamada Bulma, que se atopará con Son Goku, crea un radar para detectar as bólas e así facer o proceso moito máis doado. No decorrer da serie, as bólas deixan de ser o tema principal para ser só un elemento secundario.

O inicio da viaxe fantástica de Son Goku comeza coa aparición da moza Bulma. Son Goku mora nas montañas soíño, pois o seu avó está morto. O obxecto que el garda coma unha lembranza do seu avó é unha das bólas que Bulma busca, as Bólas do Dragón. Ela fálalle sobre os poderes das bólas, e pídelle a Son Goku que lle dea a súa, e como descubrira nun pergamiño esta historia. Así Son Goku vai con Bulma atrás das bólas e será no camiño onde coñecerá moitas persoas coma Oolong, Yamcha, Puar, o Mestre Mutenroi, Krilín, Lunch etc, e se enfrontará a moitos perigos e inimigos, como Pilaf, a Red Ribbon etc.

Evolución A historia de Dragon Ball desenvolveuse gradualmente durante os case 11 anos de publicación. Durante eses anos, o ton e o estilo das historias foron mudando para reflectir os gustos dos lectores e dos editores da Shonen Jump.

Os primeiros volumes do manga (volumes 1-12) son fundamentalmente historias de fantasía con humor, con algúns elementos de ficción científica menores. Os elementos de fantasía importantes non só inclúen o rapaz mono Son Goku e as propias bólas, senón tamén moitos animais falantes, técnicas de artes marciais improbábeis e personaxes identificados como deuses e demos. Malia os elementos fantásticos, o mundo ten unha tecnoloxía avanzada que inclúe cápsulas que caben no peto nas que se poden expandir e transformar en case todo tipo de obxectos: coches, avións, casas, revistas porno e cousas do xénero. O humor é lixeiro con moi poucas mortes e dándolle énfase á aventura e ao humor.

Unha mudanza sutil pero significativa deuse despois de que mataran o mellor amigo de Son Goku, Krilín. Isto comezou na Saga de Piccoro Daimaō (volumes 13-16), na cal o manga incorpora un ton máis serio comparado co dos volumes anteriores.

Dragon Ball transfórmase completamente nun manga shonen de acción no inicio da Saga dos Saiyans (volumes 18-20). A partir da introdución do fillo de Son Goku, a historia comeza a tomar un rumbo máis serio e de maior importancia na ficción científica. Moitos dos personaxes que anteriormente tiñan orixes fantásticas (Son Goku, Piccoro etc.) son agora recoñecidos coma extraterrestres doutros planetas. Viaxes no espazo, ameazas espaciais e poderosos androides son agora comúns.

Despois da derrota de Nappa e Vexeta e da conclusión da Saga Saiyan, os sobreviventes do ataque Saiyan diríxense para o Planeta Namek para tentar resucitar os amigos que morreran polos Saiyans. Isto comeza na Saga de Freezer (volumes 21-28), que é recoñecida, ademais de polo poderosos que se volven os personaxes, polo xurdimento da transformación Súper Guerreiro.

A Saga de Célula (volumes 29-35) introduce os Androides, un misterioso Saiyan chamado Toranks e o enigmático Célula. A Saga de Máxico Boo (volumes 36-42) é o último marco do manga onde aparecen máis dos elementos de fantasía que estaban presentes nos primeiros volumes do manga.

Relación co anime Tanto As bólas máxicas coma Dragon Ball Z están baseados no mesmo manga orixinal: Dragon Ball. DB segue as aventuras de Son Goku dende a súa infancia ata o seu casamento ós 18 anos, estas son as sagas con máis elementos de fantasía e humor. DBZ comeza co nacemento do primeiro fillo de Son Goku. Dragon Ball GT é unha continuación de DBZ aínda que non está baseada no manga (ó contrario de Dragon Ball e Dragon Ball Z, Akira Toriyama non estivo directamente relacionado coa produción de Dragon Ball GT, aínda que creou algúns deseños e deu unhas poucas ideas).

Hai varios rumores sobre o significado do "Z" en Dragon Ball Z. O significado oficial é o de que é a última letra do alfabeto, revelando o desexo de Toriyama de que fose a fin da serie. Outras teorías sobre o "Z" inclúen o nome dado ó grupo dos personaxes principais, "Guerreiros Z" en títulos de episodios e en material promocional (aínda que non no anime) ou de que está baseado na música dos créditos finais, "Detekoi Tobikiri ZENKAI Power". Outra interpretación é que Toriyama escribiu a man o título coma Dragon Ball 2 e alguén entendeu o 2 coma un Z.

Durante a escrita da meirande parte do manga, o anime era escrito e producido detrás do punto onde o manga era publicado. Isto levou a alcanzar rapidamente o manga polo que para impedir isto prolongáronse algúns episodios e creáronse algunhas novas historias. Por mor disto hai moitos casos nos que o anime contradí directamente a historia escrita máis adiante no manga.

As sagas Dragon Ball é un manganime moi longo, cunha historia que acontece en dúas grandes partes: a de Son Goku neno (tomos do 1 ó 17), e a de Son Goku adulto (tomos do 17 ó 42); 519 capítulos de manga e 153+291+64 capítulos de anime en total. Para máis información sobre o manga ver o artigo Lista de mangas de Dragon Ball

No anime esta división dá pé a dúas series: As bólas máxicas (con 153 capítulos) e Dragon Ball Z con 291 episodios; máis tarde, realizouse Dragon Ball GT con 64 episodios máis, exclusivos do anime.

Durante toda a historia, Son Goku e os seus amigos loitarán con determinados inimigos ou estarán en certas localizacións que darán nome ás sagas de Dragon Ball. As Sagas son as seguintes:

Etapa Son Goku neno (As bólas máxicas)

Saga Tomos Tankōbon Tomos Kanzenban Episodios do Anime A Saga de Pilaf do 1 ó 2 do 1 ó 2 do 1 ó 13 A Saga do 21º Torneo das Artes Marciais do 3 ó 5 do 2 ó 4 do 14 ó 28 A Saga do Exército do Xeneral Red (Red Ribbon) do 5 ó 10 do 4 ó 7 do 29 ó 83 A Saga do 22º Torneo das Artes Marciais do 10 ó 12 do 8 ó 9 do 84 ó 101 A Saga de Piccoro Daimaodo 12 ó 17 do 10 ó 13 do 102 ó 153

Etapa Son Goku adulto (Dragon Ball Z)

Saga Tomos Tankōbon Tomos Kanzenban Episodios do Anime A Saga dos Saiyans do 17 ó 20 do 14 ó 16 do 1 ó 35 A Saga de Namek do 21 ó 28 do 17 ó 22 do 36 ó 107 A Saga de Garlic Jr. Non existe no manga do 108 ó 117 A Saga dos Androidesdo 29 ó 35 23 ó 28 do 118 ó 194A Saga de Budo 36 ó 42do 29 ó 34do 195 ó 291

Etapa Dragon Ball GT

Saga Episodios do Anime A Saga de Babydo 1 ó 40 A Saga de Súper 17 do 41 ó 47 A Saga dos Dragóns Escuros do 48 ó 64

Os Tomos Para ver tódolos tomos (42 na primeira edición e 34 na segunda, que se publicaron no Xapón; cos capítulos, a data de edición xaponesa e o título de cada un deles) ver o artigo Lista de mangas de Dragon Ball.

1ª edición xaponesa, Tankōbon (1985-1995) O primeiro tomo xaponés de Dragon Ball publicouse o 10 de setembro de 1985 pola revista Shōnen Jump cos capítulos do 1 ó 7, anteriormente publicados cada semana na revista do mesmo nome no período do 11/1984 ata o 2/1985. A edición do tomo sempre compartía un esquema similar: primeiro a portada, que era o formato antigo de SJ; despois a primeira páxina cun debuxo diferente da portada; deseguido a páxina índice de capítulos cun debuxo enriba; logo os capítulos correspondentes e as páxinas finais, que eran as portadas de cada capítulo exclusivas na edición dos tomos. Todo isto sempre nunhas 178-181 páxinas, agás os tomos 41 e 42 que contiñan máis de 200 páxinas. En 1995, despois de 10 anos publicando os tomos, saíu á venda o 42 o 4 de agosto.

Os capítulos -antes de ter abondo para editar un novo tomo- publicábanse na revista semanal Shōnen Jump, o primeiro capítulo publicouse no número 51 de 1984 e o derradeiro, o capítulo 519, editouse no número 17 de 1995.

2ª edición xaponesa, Kanzenban (2002-2004) Esta nova edición chámase Kanzenban, que significa edición perfecta ou completa. Diferénciase da primeira en que: Son só 34 tomos (en vez dos 42) e polo tanto máis extensos, tendo uns 15 capítulos cada un. Os tomos son máis grandes. As portadas foron redebuxadas por Akira Toriyama. O papel das páxinas é de maior calidade. Algunhas páxinas son a cor. Engadíronse algunhas páxinas ó final da serie. Cada tomo inclúe unha lámina cun debuxo de Dragon Ball feito por un debuxante de manga famoso na actualidade do Xapón.

Nesta reedición fíxose un pequeno cambio na historia, que consistiu en que a data do Cell Game fose o 26 de maio e non o 17 de "M". Isto fíxose para eliminar unha contradición na serie, especificamente cando os androides chegaron o 12 de maio e como polo menos pasaron 10 días entre isto e o comezo do Cell Game, a data do 17 de maio para o último evento era imposible (as teorías alternativas, que dicían que no universo de Dragon Ball o mes seguinte a maio comezaría pola letra "M", xa non teñen sentido).

Ademais xunto a esta edición tamén se sacou un libro de Dragon Ball e outro de Dragon Ball Z.

Libros de arte

Akira Toriyama, The World Publicado en xaneiro de 1990, en homenaxe a Toriyama, e editado por Shueisha en tapa branda. Posúe 100 páxinas nas que se pode atopar, ademais de ilustracións de Dragon Ball, outras realizadas anteriormente. Ademais inclúe unha entrevista a Toriyama, unha bibliografía, esbozos de Dragon Ball... Por outro lado, tamén se centra no manga Dr. Slump, onde destaca unha historia a cor.

Akira Toriyama, The World Special Publicado en setembro de 1990 e editado en tapa dura. Posúe 134 páxinas e é unha versión mellorada do anterior, centrándose máis en Dragon Ball. Ten ilustracións da maioría das sagas da serie e unha entrevista a Toriyama entre outras cousas. Destacan sobre todo uns esbozos iniciais dos personaxes de Dragon Ball.

Akira Toriyama, The World II Illustration Publicado en marzo de 1993 e editado en branco e negro.

Akira Toriyama, Exhibition