Georg Wilhelm Friedrich Hegel, nado en Stuttgart (Baden-Württemberg) o 27 de agosto de 1770 e finado o 14 de novembro de 1831 en Berlín, foi un filósofo alemán e un importante persoeiro do idealismo alemán. Acadou gran sona no seu tempo e, aínda que influíu principalmente na tradición continental da filosofía, volveuse tamén cada vez máis influente na tradición analítica. Aínda que segue a ser unha figura divisora, a súa importancia canónica dentro da filosofía occidental é recoñecida de xeito universal.
O seu principal logro é o desenvolvemento da distintiva articulación do idealismo, ás veces denominado «idealismo absoluto»Este termo é bastante raro nos escritos de Hegel. Non se atopa en ningures en Wissenschaft der Logik (aínda que se achega nunha observación na páxina 124 da tradución do 2010 de Giovanni, GW 21.142). Na presentación da súa lóxica en Enzyklopädie der philosophischen Wissenschaften pódese atopar no §45R., na que se superan os dualismos de, por exemplo, a mente e a natureza e o suxeito e obxecto. A súa filosofía do espírito integra conceptualmente a psicoloxía, o Estado, a historia, a arte, a relixión e a filosofía. A súa achega sobre a dialéctica do amo e do escravo influíu enormemente, especialmente na Francia do século XX. De salientábel importancia é o seu concepto de espírito (Geitst, ás veces traducido como «mente») como a manifestación histórica do concepto lóxico e a «sublimación» (Aufhebung 'integración sen unha eliminación ou redución') de factores aparentemente contraditorios ou opostos; exemplos inclúen a aparente oposición entre a natureza e a liberdade e entre a inmanencia e transcendencia. Hegel foi visto no século XX como o creador da tríade da tese-antítese-síntese; porén, isto foi citado por primeira vez por Johan Gottlieb Fichte.
Hegel influíu unha chea de pensadores e escritores cuxas propias posicións varían notabelmente. Karl Barth describiu a Hegel como un «aquiniano protestante», mentres que Maurice Merleau-Ponty escribiu que: «Todas as grandes ideas filosóficas do século pasado —as filosofías de Marx e Nietzsche, a fenomenoloxía, o existencialismo alemán e a psicanálise— tiveron os seus comezos en Hegel».
Traxectoria
Primeiros anos
miniatura|esquerda|A casa natal de Hegel en Stuttgart, a cal acolle o actual Museo de Hegel.
Infancia Hegel naceu o 27 de agosto de 1770 en Stuttgart, no ducado de Württemberg, suroeste de Alemaña. Bautizado Georg Wilhelm Friedrich, foi coñecido como Wilhelm para a súa familia. O seu pai, Georg Ludwig, era Rentkammersekretär (secretario da oficina de ingresos) na corte de Carlos Uxío de Württemberg. A nai de Hegel, Maria Magdalena Louisa, era a filla dun avogado do Tribunal Superior de Xustiza da corte de Württemberg. Ela morreu dunha «febre biliosa» (Gallenfieber) cando Hegel tiña trece anos. Hegel e mailo seu pai tamén colleron a doenza, pero por pouco sobrevivironPinkard, Hegel: A Biography, p. 3, dá incorrectamente a data do 20 de setembro de 1781, tendo Hegel once anos. Cf. o índice do libro de Pinkard e a súa «Chronology of Hegel's Life» («Cronoloxía da vida de Hegel»), onde aparece correctamente a data como 1783 (pp. 773, 745); véxase tamén a Wikipedia alemá.. Hegel tiña unha irmá, Christiane Luise (1773-1832), e un irmán, Georg Ludwig (1776-1812), quen finou como oficial na campaña rusa de Napoleón de 1812.
Con tres anos Hegel asistiu á «escola alemá». Cando entrou á «escola latina» dous anos máis tarde, el xa sabía a primeira declinación grazas á súa nai.
En 1776, Hegel entrou no Eberhard-Ludwigs-Gymnasium. Ao longo da súa adolescencia Hegel leu de xeito voraz, copiando longos extractos no seu diario. Entre os autores que leu atópanse o poeta Klopstock e escritores asociados coa Ilustración, como Christian Garve e Gotthold Ephraim Lessing. Hegel rematou os seus estudos na escola co seu Abiturrede (discurso de graduación) titulado O estado abortivo da arte e a erudición en Turquía.
Tubinga (1788-1801) Con dezaoito anos acudiu ao seminario de Tubinga (un seminario protestante a cargo da Universidade de Tubinga), onde tivo como compañeiros de piso o poeta Friedrich Hölderlin e o filósofo Friedrich Wilhelm Joseph Schelling. Compartindo un desgusto polo que eles consideraban un ambiente restritivo do seminario, os tres convertéronse en amigos íntimos e influíronse mutuamente nas ideas do outro. Todos admiraban moito a civilización helénica, e Hegel afondou en Rousseau e Lessing durante este tempo. Observaron o desprego da Revolución Francesa con entusiasmo compartido. Schelling e mais Hölderlin se introduciron nos debates teóricos da filosofía kantiana, nos que Hegel se mantivo á marxe. Hegel consideraba o seu futuro como o dun Popularphilosoph, isto é un home de letras que serve para facer accesíbeis a un amplo público as ideas abstrusas dos filósofos; a súa propia necesidade sentida de involucrarse criticamente coas ideas centrais do kantianismo non chegou ata 1800.
Berna (1793-96) e Frankfurt (1797-1801) Tras recibir o certifical teolóxico (Konsistorialexamen) do seminario de Tubinga, Hegel volveuse Hofmeister (titor do fogar) dunha familia aristocrática en Berna (1793-96). Durante este período compuxo o texto que se coñece como Das Leben Jesu (Vida de Xesús) e un manuscrito cunha lonxitude similar á dun libro titulado Die Positivität der christlichen Religion (A positividade da relixión cristiá). A súa relación cos seus xefes comezou a se volver cada vez máis tensa, polo que Hegel aceptou unha oferta mediada por Hölderlin para ocupar unha posición semellante coa familia dun comerciante de viño en Frankfurt, onde se mudou e 1797. Aquí Hölderlin exerceu unha influencia importante no pensamento de Hegel. Mentres en Frankfurt Hegel compuxo o ensaio Fragmentos sobre a relixión e o amor. En 1799, escribiu outro ensaio titulado Der Geist des Christentums und sein Schicksal (O espírito do cristianismo e o seu destino), texto inédito durante a súa vida.
Tamén en 1797 escribiu o manuscrito inédito e sen asinar de Das älteste Systemprogramm des deutschen Idealismus (O programa sistemático máis antigo do idealismo alemán). Foi escrito da man de Hegel, mais se cre que a autoría pode pertencer tanto a Hegel, Schelling, Hölderlin ou unha cuarta persoa descoñecida.
Anos de profesión
Jena, Bamberg e Nürnberg (1801-1816) En 1801, Hegel foi a Jena co estímulo do seu vello amigo Schelling, quen ocupaba o posto de profesor extraordinario na Universidade de Jena. Hegel asegurouse unha posición na universidade como Privatdozent (conferenciante sen soldo) despois de se someter a un Habilitationsschrift (disertación inaugural) sobre as órbitas dos planetas. Nese mesmo ano, máis tarde, publicou o seu primeiro libro Differenz des Fichteschen und Schellingschen Systems der Philosophie (A diferenza entre os sistemas filosóficos de Fichte e Schelling). Deu conferencias sobre a «Lóxica e a metafísica» amais de charlas conxuntas con Schelling sobre unha «Introdución á idea e límites da filosofía verdadeira» e celebrou un «Disputorium filosófico». En 1802, Schelling e Hegel fundaron un xornal, o Kritische Journal der Philosophie (Xornal crítico de filosofía), á cal cada un achegou artigos ata que a colaboración rematou cando Schelling marchou a Würzburg en 1803.
En 1805, a universidade ascendeu a Hegel á posición de profesor extraordinario (sen salario), despois Hegel escribiu unha carta ao poeta e ministro de cultura Johann Wolfgang von Goethe protestando sobre o ascenso do seu adversario filosófico Jakob Friedrich Fries sobre el. Hegel tentou obter a axuda do poeta e tradutor Johann Heinrich Voß para acadar un posto na universidade recentemente renacente de Heidelberg, mais fracasou. Para o seu desgusto, nese mesmo ano outórganlle a Fries a posición de profesor ordinario (con salario) nesa universidade. miniatura|200px|Napoleón, o «espírito do mundo a cabalo», en Jena. As súas finanzas estaban a se gastar rapidamente, Hegel estaba agora so unha gran presión para entregar o seu libro, a tan prometida introdución ao seu sistema. Hegel estaba dando os últimos retoques ao seu libro, Phänomenologie des Geistes (Fenomenoloxía do espírito), cando Napoleón enfrontouse con tropas prusianas o 14 de outubro de 1806 na batalla de Jena nunha meseta fóra da cidade. O día anterior á batalla, Napoleón entrou na cidade de Jena. Hegel narrou as súas impresións nunha carta dirixida ao seu amigo Friedrich Immanuel Niethammer:Vin o emperador —este mundo-espírito— saíndo da cidade en recoñecemento. De feito, é unha sensación marabillosa ver a un individuo así, que, concentrado aquí nun só punto, montado a cabalo, estira o brazo ao mundo e domínao... este extraordinario home, a quen é imposíbel non admirar.Inda que non optou por pechar a Universidade de Jena como fixera con outras, a cidade foi devastada e os estudantes abandonaron a universidade en masa, o que fixo que a economía de Hegel empeorase inda máis. O seguinte febreiro, Hegel tivo un fillo, Georg Ludwig Friedrich Fischer (1807-31), coa caseira Christiana Burkhardt (quen fora abandonada polo seu marido).
En marzo de 1807, aos 37 anos, Hegel trasladouse a Bamberg, onde Niethammer declinara unha oferta para se converter en editor dun periódico, o Bamberger Zeitung, e ofreceulla a Hegel. Este, incapaz de atopar un emprego máis adecuado, aceptou a repelo. Ludwig Fischer e maila súa nai (a quen Hegel puido ofrecer casar despois da morte do seu marido) ficaron en Jena.
Foi entón, en novembro de 1808, de novo grazas a Niethammer, nomeado director dunha escola en Nuremberg, un posto que ocupou ata 1816. Na súa estada en Nuremberg Hegel adaptou a súa recentemente publicada Phänomenologie des Geistes (Fenomenoloxía do espírito) para o seu uso na aula. Parta da súa misión era a de ensinar unha clase chamada «Introdución ao coñecemento da coherencia universal das ciencias», xurdindo deste xeito a idea de desenvolver unha enciclopedia das ciencias filosóficas, dividida en tres partes (lóxica, filosofía da natureza e filosofía do espírito).
Hegel casou con Marie Helena Susanna von Tucher (1791-1855), a filla máis vella do senador, en 1811. Este período viu a publicación da súa segunda obra máis importante, a Wissenschaft der Logik (Ciencia da lóxica), publicada en tres volumes (1812, 1813 e 1816), e o nacemento dos seus dous fillos lexítimos, Karl Friedrich Wilhelm (1813-1901) e Immanuel Thomas Christian (1814-1891).
Heidelberg e Berlín (1816-1831) Despois de recibir ofertas para postos nas universidades de Erlangen, Berlín e Heidelberg, Hegel elixiu Heidelberg, onde se mudou en 1816. Pouco despois, en abril de 1817, o seu fillo ilexítimo Ludwig Fischer (agora con dez anos) uniuse á familia de Hegel tras pasar a súa nenez nun orfanato (período no cal a súa nai faleceu).
Hegel publicou en 1817 Enzyklopädie der philosophischen Wissenschaften im Grundrisse (Enciclopedia das ciencias filosóficas) como sumario da súa filosofía para os estudantes que acoden ás súas conferencias en Heidelberg.
miniatura|dereita|Hegel cos seus estudantes berlineses, bosquexo de Franz Kugler.
En 1818, Hegel aceptou a oferta renovada da cátedra de filosofía da Universidade de Berlín, que permanecera vacante dende a morte de Johann Gottlieb Fichte en 1814. Aquí publicou Grundlinien der Philosophie des Rechts (Fundamentos da filosofía do dereito) en 1820. Hegel dedicouse principalmente a dar as súas conferencias; as súas clases maxistrais sobre estética, filosofía da relixión, filosofía da historia e historia da filosofía que se publicaron postumamente a partir de notas de conferencias tomadas polos seus alumnos. A súa fama estendeuse e as súas conferencias atraeron a estudantes de toda Alemaña e de máis aló.
En 1819-27, realizou diversas viaxes a Weimar (dúas veces), onde coñeceu a Goethe, Bruxelas, o norte dos Países Baixos, Leipzig, Viena a través de Praga e París.