Ambrosii Andrii Senyshyn (en ), nado o 23 de febreiro de 1903 en Staryi Sambir (Ucraína) e finado o 11 de setembro de 1976 en Filadelfia (Estados Unidos) foi un eclesiástico grecocatólico ucraíno, 2º metropolita de Filadelfia entre 1961 e 1976. Traxectoria Logo de estudar na escola local, ingresou aos dez anos (1913) no ximnasio de Lviv, mais os seus estudos foron interrompidos polo estoupido da primeira guerra mundial e a ocupación rusa de Galicia en 1914.
O 16 de xullo de 1923 comezou o seu noviciado no mosteiro de Krekhiv. Entre 1925 e 1928 estudou Humanidades en Krekhiv, e até 1930 Filosofía en Dobromyl, pasando tamén polos mosteiros de Lavriv e Chervonohrad. Estudou posteriormente Teoloxía, entre 1930 e 1932 en Krasnohrad e até 1933 en Varsovia. O 23 de agosto de 1931 foi ordenado sacerdote polo bispo de Przemyśl, Yosafat Kotsylovskyi. En 1933 marchou aos Estados Unidos para traballar entre a diáspora ucraína. O seu primeiro encargo foi o de párroco axudante na igrexa de San Nicolao de Chicago (hoxe catedral), sendo a partir de 1937 hegúmeno do mosteiro basiliano e párroco de San Nicolao.
O 6 de xullo de 1942 foi nomeado bispo auxiliar do exarcado apostólico dos Estados Unidos e bispo titular de Maina polo papa Pío XII. Recibiu a consagración episcopal o 22 de outubro, de mans do exarca Kostiantyn Bohachevskyi, e sendo os principais co-consagrantes a Vasyl Ladyka e a Vasyl Takach. Residiu en Stamford, onde fundou en 1944 as Irmás Misioneiras da Nai de Deus e en 1946 o Comité Católico Ucraíno para os Refuxiados. Publicou tamén varios libros litúrxicos, o mensual Kovcheh/The Ark (até 1956) e comezou unha serie de gravacións para tratar de estandarizar o canto litúrxico ucraíno.
O 20 de xullo de 1956 foi nomeado exarca apostólico de Stamford, e pasou a ser bispo diocesano cando o exarcado foi elevado á eparquía de Stamford.
O 14 de agosto de 1961 foi nomeado metropolita de Filadelfia. Como metropolita, introduciu o calendario gregoriano no territorio da arquieparquía, construíu 25 novas igrexas e unha nova catedral, e fundou 8 parroquias e misións. En 1973 foi nomeado membro da Congregación para as Igrexas Orientais. Finou en Filadelfia o 11 de setembro de 1976.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Nados en 1903 Categoría:Nados no distrito de Staryi Sambir, rexión de Lviv Categoría:Finados en 1976 Categoría:Bispos católicos dos Estados Unidos de América Categoría:Bispos católicos de Ucraína Categoría:Arcebispos da Igrexa católica bizantina ucraína Categoría:Basilianos de San Xosafat Categoría:Membros da Congregación para as Igrexas Orientais