Proxéctate en Galego é un grupo de traballo formado polas comisións de normalización lingüística das escolas e facultades que a Universidade de Santiago de Compostela ten no Campus de Lugo. O seu obxectivo é potenciar o uso do galego na vida universitaria desde unha óptica multidisciplinaria e transversal, entendéndoo como unha ferramenta que lle permite ao alumnado acadar obxectivos superiores no seu desempeño profesional futuro.

A creación do grupo Desde mediados da década dos 2000 as comisións de normalización lingüística do Campus de Lugo viñan desenvolvendo actividades de forma individual, pero no ano 2010 a comisión da Facultade de Veterinaria puxo en marcha as xornadas Achegándonos ao medio rural, que pretendía afondar na conexión entre a Universidade e o medio rural a través do uso do galego.

Despois do éxito desa primeira edición, en 2011 as xornadas Achegándonos ao medio rural II foron xa coorganizadas polas comisións da Escola Politécnica Superior, Humanidades e Formación do Profesorado.

Ese mesmo ano, as comisións de normalización do campus concorreron ao Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras, e gañaron o premio á mellor idea para a promoción do galego, cunha proposta consistente na creación do espazo de traballo Proxéctate en Galego e na celebración de actividades de dinamización lingüística, especialmente o Foro USC.

Actividade Desde ese ano, Proxéctate en Galego vén desenvolvendo un amplo abano de actividades, ben de forma individual, ben en colaboración con outras entidades da Universidade (como a Biblioteca Intercentros) ou da cidade de Lugo. As máis relevantes de entre estas son os Foros-USC e as actividades relacionadas co Día da Ciencia en Galego.

Os Foros USC Nos anos 2012 e 2013 este grupo de traballo organizou dous Foros USC, simposios destinados a poñer de relevo as potencialidades da lingua galega como ferramenta de desenvolvemento persoal e profesional en distintos ámbitos de actividade. O Foro de 2012 centrouse no emprendemento, a tecnoloxía e as ciencias experimentais; e o de 2013 nas actividades de lecer, as actitudes lingüísticas, novas formas de consumo, e patrimonio cultural.

O Día da Ciencia en Galego Aínda que a Universidade de Santiago de Compostela realizou actos de conmemoración do Día da Ciencia en Galego desde o primeiro ano en que este se celebrou (2010), os centros do campus de Lugo non organizaron un programa de actividades propio ata o 2011. Nese ano, a Escola Politécnica Superior, a Facultade de Ciencias e a Facultade de Veterinaria realizaron exposicións, proxección de audiovisuais, sesións de divulgación científica... e ensaiaron xa unha política de coordinación que se plasmaría a partir dese ano na organización conxunta das actividades baixo o paraugas de Proxéctate en Galego.

Así, en 2012 organizouse a sesión de divulgación científica De Leonardo a nós, en 2013 desenvolveuse unha xornada de actividade que incluía visitas guiadas a diversos laboratorios e instalacións do campus, e unha nova sesión de divulgación científica, baixo o lema Arte e ciencia, e en 2014 repetiuse un esquema similar organizando unha visita guiada á exposición Sensores, organizada por IGACIENCIA, e un serán divulgativo centrado nas temáticas da robótica e a astronomía.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Sitio web de Proxéctate en Galego Páxina de Proxéctate en Galego en Facebook Páxina do Foro USC 2012 Páxina do Foro USC 2013

Categoría:Entidades de promoción do galego Categoría:Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Lugo