A Ruta do Mar de Arousa e Ulla ou Ruta Marítima Xacobea conmemora a chegada por mar do corpo do apóstolo Santiago a Galicia, logo do seu martirio en Xerusalén, tras ordenar Herodes Agripa I a súa decapitación no ano 44.

A lenda xacobea recollida nos textos medievais relata que tralo martirio os discípulos de Santiago recolleron o seu corpo decapitado e trasladárono a través do Mediterráneo e a costa atlántica ibérica ata Iria Flavia nunha «barca de pedra», a tradición conta que amarraron a barca no Pedrón logo da longa viaxe.

A conmemoración anual da Translatio Xacobea a través da ría de Arousa, promovida pola Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, celébrase a finais de xullo ou principios de agosto. Non se lle outorga ó peregrino a Compostela trala realización do percorrido, no canto obtense o Diploma Traslatio Xacobea. miniatura|Translación do Apóstolo na Fonte do Carme en Padrón.

Historia No ano 813, durante o reinado de Afonso II, o ermitán Paio descubriu xunto co bispo de Iria Flavia Teodomiro un sepulcro con tres corpos, un deles degolado e coa cabeza baixo do brazo, atribuíndolle os restos ó apóstolo Santiago, coincidindo coa tradición de que os discípulos Atanasio e Teodoro foran soterrados a carón do apóstolo.

O rei Afonso II, consciente da transcendencia do descubrimento do sepulcro ou Inventio Xacobea, peregrinou ó sartego no mesmo ano. Ordenou edificar unha igrexa arredor da tumba. A nova estendeuse por toda a Europa cristiá. O achado do sepulcro deulle ós cristiáns pulo na loita contra os musulmáns na Península Ibérica.

Afonso III o Magno peregrinou no ano 872 e volveu no ano 874 coa raíña Ximena. Ordenou edificar unha nova basílica, que consagraron no ano 899. O culto a Santiago foise estendendo progresivamente.

A lenda xacobea

Xorden arredor da figura do apóstolo Santiago unha serie de lendas que se acrecentan tralo descubrimento do sepulcro, aumentando a súa sona. Segundo a tradición cristiá predicou o apóstolo na Hispania romana, regresando logo dun tempo a Xerusalén, foi daquela cando Herodes Agripa I o mandou apresar arredor do ano 44, ordenando que fose decapitado. miniatura|esquerda|Cidade vella de Iafa.

A lenda xacobea recollida nos textos medievais relata que os discípulos de Santiago apóstolo, Anastasio e Teodoro, recolleron o corpo decapitado e trasladárono dende o porto de Iafa a través de todo o Mediterráneo e da costa atlántica ibérica ata Iria Flavia, facendo a travesía na «barca de pedra», que amarraron no Pedrón, logo da longa viaxe. miniatura|O Pico Sacro.

Presentáronse os discípulos diante da raíña Lupa coa intención de atopar un lugar onde dar repouso ó seu mestre; Lupa desconcertada enviounos perante o gobernador de Dugium, preto de Fisterra, quen mandou apresar ós intrusos de contado, aínda que os discípulos conseguiron escapar e regresar xunto á raíña. miniatura|esquerda|Bautismo da Raíña Lupa por Santiago Apóstolo na Fonte do Carme.

Solicitáronlle á señora que ós asistise novamente. Dispuxo a raíña Lupa que trasladasen o corpo de Santiago apóstolo nun carro, ofrecéndolle ós discípulos un par de bois bravos; tentando enganalos outra vez enviounos ó monte Ilianus (o pico Sacro) onde tiveron que vencer ó dragón, traendo consigo os bois que se viraron mansos de súpeto. Impresionada a raíña ante os prodixios do santo, tomou a determinación de converterse ó cristianismo. miniatura|110px|A estrela sobre a arca de mármore. Escudo de Arzúa.

Transportaron os bois o corpo do apóstolo, detivéronse os animais no monte Libredón, resolveron entón Anastasio e Teodoro que nese lugar soterrarían o corpo de Santiago.

No século IX o ermitán Paio divisou preto do castro Libredón unha estrela sobre unha arca de mármore, avisou decontado ó bispo de Iria Flavia Teodomiro, quen acudiu axiña. Descubriron un sepulcro onde había tres corpos, un deles degolado e coa cabeza baixo do brazo, e atribuíron os restos ó apóstolo Santiago. miniatura|esquerda|O Códice Calixtino.

O texto medieval máis importante que narra a Translación do Apóstolo, dende Iafa a Iria e dende alí ó lugar onde repousa finalmente, en Compostela, é o célebre Liber Sancti Jacobi ou Codex Calixtinus, no seu Libro III: Liber de translatione corporis sancti Jacobi ad Compestellam, no prólogo e no capítulo 1.

En Xerusalén a Igrexa Apostólica Armenia edificou a catedral de Santiago no lugar onde se di que foi decapitado e depositada a súa cabeza.

Etapas Ría de Arousa - Padrón  Os portos da Ría de Arousa - Padrón   Lugares de selado para a obtención do Diploma Traslatio Xacobea pdf.

A Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla consta dunha única etapa de 44 millas náuticas. Fíxose o primeiro remonte da ría no ano 1965 contando ademais coa implicación do cardeal-arcebispo de Santiago Quiroga Palacios, reproducindo a Ruta Marítima Xacobea da translación do Apóstolo a Galicia no século I, segundo indica a tradición.

O punto referente de partida é o Porto de Pedras Negras en San Vicente do Mar ou o de Ribeira, aínda que se pode iniciar a singradura en portos anteriores xeograficamente.

No porto de saída e nos concellos integrantes da ruta facilitarase a cartilla de navegación; colocarase obrigatoriamente o primeiro selo antes de comezar o percorrido marítimo. O navegante deberá obter polo menos dous selos máis nalgún dos portos da ría de Arousa ou do río Ulla.

O itinerario marítimo-fluvial comeza na boca da ría de Arousa, deixando a estribor as illas Ons, espreitando a illa de Sálvora no setentrión. Pasa fronte a Sanxenxo e ó contorno da Lanzada, e fronte a Ribeira e mais A Pobra do Caramiñal.

A singradura prosegue, pasando a carón do Grove e a illa da Toxa, distinguíndose xa as terras de Meaño e Cambados.

Deseguido a Illa de Arousa, avanzando logo rumbo a Vilanova de Arousa e Vilagarcía, fronte a Carril e á illa de Cortegada, de camiño cara a Catoira, para penetrar no río Ulla.

O tramo fluvial discorre entre os concellos de Dodro e Valga, arribando en Pontecesures, onde o río deixa de ser navegable. Dende Pontecesures a ruta segue cara a Padrón e Iria Flavia. Continúa o camiño a Santiago de Compostela seguindo a derradeira etapa do Camiño Portugués.

Galería de imaxes Aparecen no póster orixinal da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, obra de Sánchez Gallego, os seguintes monumentos:

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Ligazóns externas Caminodesantiago.gal Xunta de Galicia. arousaeullafundacionxacobea.com fundacionxacobea.com

Categoría:Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla Categoría:Ría de Arousa Categoría:Padrón