San Xiao de Senra (até 2026, Senra (San Xulián)) é unha parroquia do concello de Ortigueira. Segundo o IGE en 2013 tiña 337 habitantes (179 mulleres e 152 homes) distribuídos en 10 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 503 habitantes.
Xeografía Senra está situada na beira sur da ría de Ortigueira, na marxe esquerda do río Maior. Linda polo norte coa ría de Ortigueira dende a desembocadura do río Maior até a enseada da Roncadoira, polo leste limita coas parroquias de Cuíña e Os Freires, marcados ambos límites polo curso do río Maior, polo sur o regato da Gaiba sepáraa das parroquias dos Devesos e O Ermo, e polo oeste linda coa parroquia de San Claudio no rego Chaelo. Como noutras parroquias do litoral a poboación concéntrase ao longo da estrada AC-862 que cruza os lugares de Riomaior, O Nogueirido, A Telleira e A Basteira. Dende o lugar do Nogueirido, nesta mesma estrada sae outra que atravesa a parroquia até a parroquia de Insua. Case paralela a estrada xeral, vai a vía de FEVE, que conta nesta parroquia cun apeadoiro.
Patrimonio A igrexa parroquial, é unha construción moderna de cruz latina. Preto dela hai unha magnífica casa reitoral e en fronte un pouco separado, queda o cemiterio parroquial. No lugar do Nogueirido, á beira do antigo camiño real, está a ermida da Santiña, na honra da Virxe das Dores, cunha pedra que amosa unha faciana antropomorfa, e que contan foi atopada nun terreo por unha labrega que dixo ver nela a imaxe da Virxe.
O centro escolar da Granxa, no lugar dese nome, foi sufragado polos indianos, nome co que eran coñecidos os emigrados nos inicios do 1900 a Cuba. Outras construcións destacadas son o pazo de Riomaior e un muíño de mareas na mesma desembocadura do río Maior. Augas arriba do mesmo río está a Ponte de Saa, do século XIV, pola que pasaba o Camiño Real que foi único paso deste río até a construción da actual estrada AC-862.
Galería de imaxes
Lugares e parroquias Lugares de Senra
Parroquias de Ortigueira
Notas
Véxase tamén Outros artigos Lugares de Ortigueira
Categoría:Parroquias de Ortigueira Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de san Xiao