Manuel Suárez-Pumariega Molezún, coñecido como Molezún, nado o 19 de novembro de 1920 na Coruña e morto o 31 de xaneiro de 2001, foi un atleta, médico, mestre e pintor galego.
Traxectoria Nacido na Coruña, aos 8 anos trasladouse a Madrid coa súa familia, pero coa chegada da guerra civil regresou a Galicia, finalizando o bacharelato no Eusebio da Guarda. Posteriormente volveu a Madrid, onde estudou Medicina na universidade.
Atletismo Foi campión de España de 110 metros valados en 1942, 1947, 1948 e 1949, e estivo en posesión da mellor marca española da especialidade entre 1948 e 1950. Ademais das probas de valados competiu en salto de lonxitude e salto de altura, proclamándose nesta última campión de España en 1948.
Representou a España nos Xogos Olímpicos de Londres de 1948 correndo os 110 metros valados, e converténdose así no primeiro atleta galego en participar nuns Xogos Olímpicos. Quedou terceiro (de cinco) na súa serie, na que se clasificaban só os dous primeiros atletas, e o ouro acabou sendo para o americano William Porter.
Pintura Exerceu como médico en Madrid ata 1955, cando deixou a medicina para centrarse na pintura. Xa dous anos antes tiña recibido o Gran Premio da X Trienal de Milán pola súa montaxe do pavillón español, en colaboración co seu curmán Ramón Vázquez Molezún e con Amadeo Gabino. En 1956 gañou a Medalla de Ouro da I Biennale Christlicher Kunst Der Gegenwart de Salzburgo, polas súas vidreiras de formigón. Realizou pinturas murais e vidreiras en numerosos edificios públicos, como a Fundación Juan March, as igrexas dos Sagrados Corazóns e da Ventilla de Madrid, ou o pavillón español na Feira Mundial de Nova York de 1964.
Expuxo a súa obra de xeito habitual en Galicia, España e no estranxeiro e foi considerado un dos máximos representantes da pintura de abstracción xeométrica e un dos artistas galegos contemporáneos de máis sólida reputación internacional. Na súa última etapa a súa obra evolucionou cara a unha tímida figuración vinculada ós epígonos do cubismo. A súa obra está presente na colección da Fundación Unión Fenosa, no Centro Galego de Arte Contemporánea, no Museo de Arte Abstracta de Cuenca, e no Centro de Arte Raíña Sofía de Madrid. Ademais foi profesor da Facultade de Belas Artes da Universidade Complutense de Madrid.
Familia Casou coa pintora neerlandesa Joos de Wolff Peereboom, coa que tivo dúas fillas.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do atleta no sitio web oficial do Comité Olímpico Internacional . Datos do atleta en olympedia.org .
Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1920 Categoría:Finados en 2001 Categoría:Atletas olímpicos de Galicia Categoría:Atletas nos Xogos Olímpicos de 1948 Categoría:Atletas de valados Categoría:Saltadores de altura Categoría:Saltadores de lonxitude Categoría:Médicos de Galicia Categoría:Pintores de Galicia do século XX Categoría:Profesores de Galicia Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes