San Xulián de Céltigos é unha parroquia que se localiza no norte do concello de Ortigueira na comarca do Ortegal. Segundo o padrón municipal de 2009 tiña 359 habitantes (181 mulleres e 178 homes) distribuídos en 28 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 384 habitantes.

Xeografía A parroquia de Céltigos está situada entre o monte de Covaguión, que forma a punta da Bandexa na costa, e os contrafortes da serra do Feo. Os límites pola costa van dende a pena Penafurada até a pena da Cruz dos Paraños, polo suroeste a parroquia de Espasante, polo sur San Salvador de Couzadoiro, e polo leste a parroquia de Loiba.

O pequeno río Aguiunxo atravesa a parroquia dende o lugar dos Furoces até a praia do Vimbieiro. Outras acolledoras praias da parroquia son O Eirón e A Arxuá que flanquean á anterior, e na costa nordeste está a agreste praia do Sarridal e a Ribeira dos Ourizos.

A estrada AC-862 atravesa a parroquia de nordeste a suroeste por Oldar, O Viso e Rilleiras. Tamén cruza a parroquia a vía de FEVE Ferrol-Xixón cun túnel de 547 metros, mais non dispón de apeadoiro ningún na parroquia.

Patrimonio A antiga igrexa parroquial do século XVIII, construída cunha soa nave e cun retablo barroco foi derrubada recentemente e no seu lugar alzouse unha estrutura moderna, conservándose unicamente o antigo campanario. O conxunto fica á beira da estrada comarcal que enlaza coa estrada AC-862 e remata na praia do Vimbieiro. Ao lado esquerdo érguese o cemiterio parroquial.

Consérvanse restos dun poboado castrexo con varias penas adheridas de xeito natural ó chan. Consérvanse petróglifos en forma de cazoletas, estudadas polo arqueólogo inglés Rivett Carnac e por Federico Maciñeira nas súas colaboracións no Boletín de la Real Academia da la Historia. Na actualidade atópase cuberto de eucaliptos e toxeiras que fan case inaccesible este lugar.

Galería de imaxes

Lugares e parroquias Lugares de Céltigos

Parroquias de Ortigueira

Notas

Véxase tamén Outros artigos Lugares de Ortigueira

Categoría:Parroquias de Ortigueira Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de san Xulián