Rogelio Gómez Fernández, máis coñecido coma Gelucho, nado en Cacheiras (Teo) o 13 de febreiro de 1970, é un exfutbolista e actual adestrador de fútbol galego. Xogaba na demarcación de dianteiro e dende 2020 adestra a Agrupación Estudiantil, en Terceira División.

Traxectoria Como futbolista Comezou nas categorías inferiores do Cacheiras, pasando logo aos xuvenís do Vista Alegre SD. Volveu logo ao Cacheiras, onde xogou co primeiro equipo en Preferente e en 1992 fichou polo Vista Alegre, que viña de converterse en filial da SD Compostela. Militou durante varias campañas no Vista Alegre, sendo capitán do equipo e máximo goleador de Preferente nas tempada 1994/95, con 29 goles, e 1995/96, con 31. Na 1995/96 logrou o ascenso á Terceira División, e na seguinte estivo a piques de ascender a Segunda B, tras formar unha gran dupla goleadora con Changui que catapultou ao equipo ao primeiro posto da clasificación e a xogar a fase de ascenso. O Vista Alegre, renomeado como Compostela B, repetiu primeiro posto na tempada seguinte, de novo con grandes números goleadores de Gelucho.

En decembro de 1998 fichou polo CD Lugo, de 2ªB, despois de non ter ningunha oportunidade co primeiro equipo do Compostela, co que só chegou a xogar en partido amigábel, a pesar das súas cifras goleadoras co filial durante anos, e de levar marcados nese momento 17 dos 25 goles do equipo. Aínda que chegou a Lugo na metade da tempada, acabou como máximo goleador do equipo con 10 goles.

En setembro de 1999 fichou polo Universidad de Las Palmas, co que só conseguiu anotar un gol en 13 partidos. Con todo, o equipo ascendeu á Segunda División. Ao remate da tempada volveu ao Lugo, co que marcou outros 5 goles.

No verán de 2001 fichou pola SD Negreira, que acababa de ascender á Terceira División. Xogou dúas tempadas co club da Barcala, retirándose do fútbol ao remate da segunda delas, no verán de 2003, e converténdose ao mesmo tempo no novo adestrador do equipo.

Como adestrador Adestrou a SD Negreira durante tres tempadas, logrando na segunda delas (2004/05) un histórico ascenso á Segunda División B. A súa etapa en Negreira rematou un ano despois, ao descender o equipo de novo a Terceira, tras quedar último do seu grupo.

Tras un breve paso polo CD Lalín, tamén en Terceira, adestrou durante cinco tempadas ao Santa Comba FC, ata que este se fusionou en 2012, co Xallas para dar lugar ao Xallas de Santa Comba Club de Fútbol. Fichou entón polo CD Boiro, co que logrou o ascenso a Terceira e onde permaneceu ata a súa destitución en setembro de 2014.

En 2016 converteuse en adestrador da Agrupación Estudiantil, coa que quedou no seu primeiro ano a un punto do ascenso directo, o cal lle sería adxudicado dous anos despois tras un litixio xudicial por unha aliñación indebida do CSD Arzúa. Con todo, Gelucho deixou o equipo cando este decidiu xogar un ano na Terceira Autonómica antes de ocupar a súa praza en Terceira nacional. En novembro de 2018 fichou polo o CD Arenteiro, á fronte do cal estivo un ano e medio ata xullo de 2020.

En novembro de 2020 regresou ao Estudiantil, xa en Terceira, tras a fusión deste co Vista Alegre.

Vida persoal É xenro do exfutbolista compostelán Tito Valdés, histórico capitán do Burgos.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en bdfutbol.com . Datos do adestrador en bdfutbol.com . Datos do adestrador en lapreferente.com .

Categoría:Nados en 1970 Categoría:Nados en Teo Categoría:Futbolistas de Teo Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores da SD Compostela B Categoría:Xogadores do CD Lugo Categoría:Xogadores da UD Las Palmas Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia Categoría:Adestradores do SD Negreira Categoría:Adestradores do CD Lalín Categoría:Adestradores do Santa Comba CF Categoría:Adestradores do CD Boiro Categoría:Adestradores do CD Arenteiro