María del Carmen Álvarez del Valle, máis coñecida como Menchu, nada en Santander o 16 de xaneiro de 1928 e finada en Ribeseya o 27 de xullo de 2021, foi unha xornalista radiofónica española e avoa paterna da raíña de España, Letizia Ortiz Rocasolano.

Biografía Considerada unha das voces máis populares da radio asturiana, tivo dúas irmás: María Flora (1921) e Marisol del Valle (1936), tamén xornalista radiofónica e profesora de comunicación audiovisual. A súa nai chamábase Plácida del Valle Arribas (1900-1993) e o seu pai, Eulalio Álvarez de la Fuente (1897-1983), foi ferroviario.

Naceu en Santander, pero viviu en Oviedo dende os dezaseis anos. Frecuentou a radio dende moi nova, iniciándose en Radio Asturias. En 1947 entrou en Radio Oviedo (despois REM), La Voz del Principado, Radiocadena Española e finalmente Radio Nacional de España. Durante 42 anos traballou ben como locutora, ben como creadora de novos espazos radiofónicos, destacando entre os seus programas Coser y cantar e Rumbo a la gloria. Prexubilouse en 1990. Ao longo da súa carreira recibiu múltiples galardóns.

Saltou á fama nacional por ser a avoa de Letizia Ortiz Rocasolano, tamén xornalista, cando esta anunciou o seu compromiso matrimonial co Príncipe de Asturias. O seu marido, José Luis Ortiz Velasco, representante da firma Olivetti, faleceu no seu domicilio de Sardéu, en Ribeseya (Asturias), o 30 de marzo de 2005 aos 82 anos.

Menchu recibiu o 13 de febreiro de 2013 o Premio Nacional de Radio; a súa irmá Marisol tamén foi galardoada na mesma edición, sendo o nome concreto do galardón que reciben Premio María Elena Domenech. O devandito premio é outorgado pola Academia das Artes e as Ciencias Radiofónicas de España.

Notas

Véxase tamén Letizia Ortiz

Categoría:Xornalistas de Cantabria Categoría:Nados en Santander Categoría:Nados en 1928 Categoría:Finados en 2021