O Amenal é un lugar da parroquia de Pereira, no concello coruñés do Pino, na comarca de Arzúa. Segundo o IGE, en 2019 tiña 91 habitantes (44 homes e 47 mulleres), aínda que nestas cifras se inclúe unha boa parte do lugar que se atopa dentro da parroquia de Castrofeito.

O Camiño Francés a Santiago pasa por esta pequena poboación xusto antes de encarar a suba cara á plataforma do aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro. Quizais por esta razón, tense desenvolvido unha pequena infraestrutura hostaleira neste lugar. O trazado do Camiño atravesa a N-547 neste punto a través dun paso subterráneo que se encontra na parte de Castrofeito. A capital municipal, O Pedrouzo, atópase a 2.400 metros de distancia.

Neste lugar conflúen os regos do Amenal e do Menal, que forman parte da bacía do río Brandelos, que atravesa a parroquia de Pereira.

É posible que este sexa o lugar mencionado polo peregrino Doménico Laffi no seu Viaggio da Napoli à San Giacomo di Galizia (1673) cando di que «“más alá de al Menar (Amenal) chego a unha fonte en compañía doutros peregrinos, onde refrescamos ben, mudando os vestidos, porque sabíamos estar próximos a Santiago» , é dicir, servía ao mesmo propósito que o lugar da Lavacolla.

Etimoloxía Este lugar é homónimo do rego que pasa por aquí, baixo unha ponte que atravesa o Camiño Francés. A orixe deste termo pode vir: do fitónimo ameneiro (alnus glutinosa), do latín vulgar *AMINARIU, derivado da forma celta ameia, que significa "a carón do río", porque é aquí onde abundan. Posiblemente a palabra amenal sexa un topónimo abundancial que se refera a un conxunto de amieiros. Neste último sentido os topónimos O Ameneiral, lugar que está poucos metros antes que O Amenal, e rego de Menal virían a abundar no mesmo sentido, polo que teriamos tres topónimos de orixes idénticas uns ao lado dos outros do hidrónimo ame-nale, que significa "meseta ou regato tranquilo", ou da raíz céltica am- que derivaría nun amena- e pode significar "leito de río, gabia"

Galería de imaxes

Lugares e parroquias Lugares de Pereira

Parroquias do Pino

Notas

Categoría:Lugares do Pino Categoría:Localidades do Camiño Francés

Categoría:Artigos creados co asistente para a creación de artigos Categoría:Lugares divididos entre dúas parroquias