Francisco Gómez de Quevedo y Santibáñez Villegas, nado en Madrid o 14 de setembro de 1580 e finado en Villanueva de los Infantes (Cidade Real) o 8 de setembro de 1645, foi un escritor do Século de Ouro español.
Traxectoria Formación De familia fidalga e oriúnda de Cantabria, a infancia de Quevedo transcorreu na Corte rodeado de potentados e nobres, xa que os seus pais desempeñaban altos cargos no Palacio. O pai, Francisco Gómez de Quevedo, era secretario da princesa María, esposa de Maximiliano de Alemaña, e súa nai, María de Santibáñez, era camareira da raíña. O rapaz, superdotado, de pés deformes, coxo dun, gordo e moi curto de vista, quedou orfo aos seis anos e refuxiouse nos libros dentro do Colexio Imperial dos xesuítas de Madrid. En 1596 marchou á Universidade de Alcalá de Henares, onde estudou ata 1600. Pola súa conta profundou ademais en filosofía, linguas clásicas, árabe, hebreo, francés e italiano. En Valladolid, ata onde foi seguindo a Corte trasladada alí polo Duque de Lerma, estudou tamén teoloxía, para a que faría posteriormente algunhas achegas, como o tratado contra o ateísmo Providencia de Deus.
Xa naquel tempo salientou como poeta e figurou na antoloxía xeracional de Pedro Espinosa Flores de poetas ilustres (1605), mais o conxunto da súa obra poética foi editado postumamente e pode clasificarse dentro do Conceptismo Barroco. Tamén cultivou a prosa, escribindo como xogo cortesán no que o máis importante era a presunción de enxeño, a primeira versión manuscrita dunha novela picaresca, a Vida do Buscón, e un certo número de curtos opúsculos burlescos co que gañou certa celebridade entre os estudantes e dos que habería de renegar na súa idade madura como brincadeiras de xuventude. Igualmente por esas datas sostivo un moi erudito intercambio epistolar co humanista Xusto Lipsio, deplorando as guerras que estremecían Europa, segundo pode verse no Epistolario reunido por Luis Astrá Marín.
Carreira co Duque de Osuna miniatura|200px|esquerda|Retrato de Quevedo co hábito de Santiago. Quevedo volve coa Corte a Madrid en 1606 e reside alí ata 1611 entregado ás letras. Nesta época gañou a amizade de Félix Lope de Vega, do que recibiu numerosos eloxios nos seus libros de Rimas e ao que aprobou as Rimas humanas y divinas de Tomás Burguelos, o seu heterónimo. Tamén ten relación con Miguel de Cervantes, quen lle dirixiu eloxios no Viaje del Parnaso, aos que Quevedo corresponde na Perinola. Con este último pertencía á Confraría de Escravos do Santísimo Sacramento. Pola contra, atacou sen piedade aos dramaturgos Juan Ruiz de Alarcón, cuxos defectos físicos facíanlle graza (era de pelo rubio e chepudo), e Juan Pérez de Montalbán, fillo dun libreiro co que Quevedo tivera certas disputas. Contra este último escribiu La Perinola, cruel sátira do seu libro misceláneo Para todos.
Mais o máis atacado foi, sen dúbida, Luis de Góngora, ao que dirixiu unha serie de terríbeis sátiras acusándoo de ser un sacerdote indigno, de homosexual, de escritor sucio e escuro, entregado á baralla, indecente e sombrío. No seu descargo hai que dicir que Góngora lle correspondeu case coa mesma violencia. Naquel tempo estreitou unha grande amizade con Pedro Téllez Girón, Duque de Osuna, ao que acompañará como secretario a Italia en 1613. Quevedo desempeñou para o duque diversas comisións que o levaron a Niza, Venecia e finalmente a Madrid, onde subornará ("untará a man", escribe el) as vontades necesarias no corrupto contorno do Duque de Lerma. De resultas disto o seu amigo Osuna foi nomeado vicerrei de Nápoles en 1616. Tras volver a Italia de novo co Duque, este encargoulle dirixir e organizar a Facenda do Vicerreinado e desempeñar outras misións, algunhas relacionadas coa espionaxe á república de Venecia. Como recompensa obtivo o hábito de Santiago en 1618.
miniatura|250px|dereita|Casa de Quevedo en Torre de Juan Abad. Ao caer o Duque de Osuna, Quevedo foi desterrado en 1620 á Torre de Juan Abad (Cidade Real), cuxo señorío comprara para el súa nai con todos os seus aforros antes de finar. Os veciños do lugar, porén, non recoñeceron esa compra e Quevedo preiteouu interminabelmente co concello, se ben o preito só se resolveu ao seu favor tras a súa morte, na persoa do seu herdeiro e sobriño Pedro Alderete. Illado xa das intrigas cortesás, Quevedo escribiu algunhas das súas mellores poesías, como o soneto Retirado en la paz de estos desiertos... ou Son las torres de Xorai... e achou consolo ás súas ambicións cortesás e a súa rachadela afectiva na doutrina estoica de Séneca, cuxas obras estudou e comentou, converténdose nun dos principais expoñentes do Neoestoicismo español.
Carreira co Conde-Duque de Olivares A entronización de Filipe IV supuxo para Quevedo o levantamento do seu castigo, a volta á política e grandes esperanzas ante o novo valemento do Conde-Duque de Olivares. Quevedo acompañou o novo rei en viaxes a Andalucía e Aragón, algunhas de cuxas divertidas incidencias conta en interesantes cartas. Por entón denunciou as súas obras á Inquisición, xa que os libreiros imprimían sen o seu permiso moitas das súas pezas satíricas que corrían manuscritas, facéndose ricos á súa costa. Quevedo quixo asustalos e espantalos desa maneira e preparar o camiño a unha edición das súas obras que non chegou a aparecer. Por outro lado, levaba unha vida privada algo desordenada de solteirón: fumaba moito, frecuentaba as tabernas (Góngora acusábao de ser un borrachón e nun soneto satírico chamoulle don Francisco de Quebebo) e os lupanares, a pesar de que vivía amancebado cunha tal Ledesma. Malia iso, en 1632 foi nomeado secretario do monarca, quen non era menos vividor, o que supuxo o cume da súa carreira cortesá.
Este era un posto suxeito a todo tipo de presións: o seu amigo, o Duque de Medinaceli foi fustrigado pola súa muller para que o obrigase a casar contra a súa vontade con dona Esperanza de Aragón, señora de Cetina, viúva e con fillos. O matrimonio, realizado en 1634, apenas durou tres meses e resolveuse ao fin nun divorcio de sona en 1636. En contrapartida foron anos dunha febril actividade creativa: en 1634 publicou La cuna y la sepultura e a tradución de Introducción a la vida devota de Francisco de Sales; de entre 1633 e 1635 datan obras como De los remedios de cualquier fortuna, o Epíteto, Virtud militante, Las cuatro fantasmas, a segunda parte de Política de Dios, a Visita y anatomía de la cabeza del cardenal Richelieu ou a Carta a Luís XIII. En 1635 apareceu en Valencia o máis importante dun dos numerosos libelos destinados a difamalo, El tribunal de la justa venganza, erigido contra los escritos de Francisco de Quevedo, maestro de errores, doctor en desvergüenzas, licenciado en bufonerías, bachiller en suciedades, catedrático de vicios y protodiablo entre los hombres.
Caída e retiro miniatura|250px|dereita|Hostal de San Marcos, León. En 1639, con motivo do memorial aparecido baixo o pano do rei ‘‘Sacra, católica, cesárea, real Maxestade...’‘, onde se denuncia a política do Conde Duque, foi detido, confiscáronselle os seus libros e, sen apenas vestirse, foi levado ao frío convento de San Marcos de León ata a caída do valido e a súa retirada a Loeches en 1643. Mais Quevedo saíra xa do encerro, achacoso e moi enfermo, e renunciou á Corte para se retirar definitivamente na Torre de Juan Abad. Foi na súa veciñanza, e tras escribir na súa última carta que "hay cosas que sólo son un nombre y una figura", onde faleceu no convento dos pais Dominicos de Villanueva de los Infantes, o 8 de setembro de 1645. Cóntase que a súa tumba foi violada días despois por un cabaleiro que desexaba ter as esporas de ouro con que fora enterrado e que tal cabaleiro morreu días despois, en castigo por tal atrevemento.
As súas obras foron moi mal recollidas e editadas por José González de Salas, quen retocou os textos, en 1648: El Parnaso español, monte en dos cumbres dividido, con las nueve Musas; tamén moi mal feita é a edición do sobriño de Quevedo e destinatario da súa herdanza, Pedro Alderete, en 1670: Las tres Musas últimas castellanas.
Análise da súa obra
O máis orixinal da obra literaria de Quevedo radica no estilo, adscribíbel ao Conceptismo barroco e polo tanto moi amigo da concisión, da elipse e do cortesán xogo de enxeño coas palabras mediante o abuso da anfiboloxía. Amante da retórica, ensaiou ás veces un estilo oratorio cheo de simetrías, antítese e isocola que luciu máis que nunca no seu ‘‘Marco Bruto’‘. De léxico moi abundante, creou ademais moitos neoloxismos por derivación, composición e estereotipia e flexibilizou notabelmente o mecanismo da aposición especificativa en castelán ("clérigo cerbatana, zapatos galeones..."), mecanismo que os escritores barrocos posteriores imitaron del. Na súa sátira acércase ás veces á estética do expresionismo ao degradar ás persoas mediante a reificación ou cousificación, e a animalización. Sinalouse, ademais, como un trazo característico do seu verso, a esticomitia, isto é, a tendencia a transformar cada verso nunha sentenza de senso completo, o cal fai ás súas poemas moi densos de significado, como era prioritario na súa poética, radicada nos principios do conceptismo barroco.
A maior parte da produción poética de Quevedo é satírica, mais como xa apercibiu o abade José Marchea as súas sátiras están mal dirixidas e, aínda que consciente das causas verdadeiras da decadencia xeral, é para el máis un mero exercicio de estilo que outra cousa e vértense contra o baixo pobo máis que contra a nobreza. Do mesmo xeito que outros escritores españois do século, coma Luis de Góngora, Quevedo tamén participou de mofas e escarnios dirixidos contra Galiza e os galegos.Freixeiro Mato (2009) en García Negro, Sobre o racismo lingüístico, Eds. Laiovento Nesta faceta satírica non tivo o atrevemento de, por exemplo, o outro gran satírico da súa época, Juan de Tassis e Peralta, segundo Conde de Villamediá.
Cultivou tamén unha fina lírica cortesá realizando un cancioneiro petrarquista en temas, estilo e tópicos, practicamente perfecto en técnica e fondo, en torno á figura de Lisi, que non hai que identificar con ningunha dama concreta, senón cun arquetipo quintaesenciado de muller. Destacan sobre todo os seus sonetos metafísicos, onde expón o seu máis íntimo desconsolo existencial, e os seus salmos, onde revela unhas dúbidas relixiosas extremas, próximas ás veces á descrenza absoluta do nihilismo. A visión que dá a súa filosofía é profundamente pesimista e de trazos preexistencialistas. O leito preferido para a abundante vea satírica de que fixo gala é sobre todo o romance, mais tamén a letrilla ("Poderoso Caballero es Don Dinero"), vehículo dunha crítica social á que non se lle esconden os motivos máis profundos da decadencia de España, e o soneto.
Abominou da estética do Culteranismo, a cuxo líder, Luis de Góngora, atacou violentamente en sátiras persoais. Contra a pedantería e escuridade que lle imputaba propúxose tamén editar as obras dos poetas renacentistas Francisco da Torre e Frei Luis de León.
Obras miniatura|200px|dereita|Monumento a Quevedo en Madrid (Agustín Querol, 1902).
Obras políticas Política de Dios, gobierno de Cristo y tiranía de Satanás, a primeira parte escribiuna en 1617 e imprentouse en 1635,intenta extraer unha doutrina política dos Evanxeos. Vida de Marco Bruto, 1644, glosa da vida correspondente ao famoso asasino de César escrita por Plutarco. Mundo caduco y desvaríos de la edad (escrita en 1621, editada en 1852) Grandes anales de quince días (1621, editada en 1788), análise da transición entre os reinados de Filipe III e Filipe IV. Lince de Italia y zahorí español (1628, editada en 1852). El chitón de Tarabillas (1630), onde critica as disposicións económicas do Conde-Duque de Olivares e insinúa a súa ascendencia xudía. Execración contra los judíos (1633), alegación antisemita que contén unha velada acusación contra don Gaspar de Guzmán, Conde-Duque de Olivares e valido de Filipe IV.
Obras ascéticas