O pazo de Dodro é unha construción civil situada en Vigo, no concello de Dodro. Coñécese tamén co nome de pazo do marqués de Bendaña ou como pazo de Vigo. Era propiedade do marqués de Bendaña. Na actualidade atópase en moi mal estado de conservación e practicamente só se pode apreciar a que foi a súa capela e algunha das estancias menores. É propiedade particular ó ser vendido durante a transición española.
Descrición Está situado na aldea de Vigo, crese que o mandou erixir Marcos Fandiño e xa existía a principios do século XVI. Fíxose posteriormente de estilo barroco, en concreto compostelán, dos séculos XVII e XVIII. Estaba rodeado por un bosque de piñeiros e carballos. A torre de planta rectangular destacaba sobre o patio de honra das casas que o rodeaban. A torre tiña gárgolas nas catro esquinas, unha balconada á altura do primeiro andar ó longo da fachada, e un escudo historiado baixo o beiril. A capela, coa bóveda de cantería, estaba dedicada a San Xosé.
O brasón estaba constituído por cinco pedras armeiras divididas en seis cuarteis; a flor de lis, dos Florín, unha especie de reixa que representaba o axadrezado dos Valadares, unha torre con dous leóns, dez lanzas flanqueando o piñeiro dos Caamaño, as faixas dos Ribeira e unha serea nadando nas ondas dos Mariño de Lobeira.
Historia O pazo de Dodro xa existía a principios do século XVI, non obstante fíxose despois en estilo barroco compostelán, dos séculos XVII e XVIII. O Couto redondo de Dodro e Lestrobe foi potestade do marqués de Bendaña, a súa xenealoxía remontase a Marcos Fandiño, antepasado tamén dos señores da torre de Goiáns en Boiro.
Na segunda metade do século XVII Carlos de la Torre Romai e Soutomaior herdou o pazo de Vigo e a torre do Monte en Padrón. A súa filla Xoana casou con Xoán Benito Piñeiro e Ulloa, que foi o segundo marqués de Bendaña, a partir de aí o título do marquesado permaneceu nesta familia. O concello de Dodro ostenta un piñeiro no seu escudo de armas porque o título lle pertenceu ós Piñeiro e Ulloa a partir do segundo marqués. A casa do marqués de Bendaña tiña lazos de unión coas familias nobres máis importantes de Galicia, tiñan parentesco cos Moscoso, cos Ulloa, cos Soutomaior e cos Romai.
Conforme ós interrogatorios do catastro de Ensenada, os veciños de Santa María de Dodro pagábanlle a vasalaxe ó marques de Bendaña: catro ferrados de centeo, unha galiña e oito marabedís de billón e mais lutuosa cada vez que morría alguén. O marqués posuía tamén dereito de pernada. No Índice de pleitos sobre mayorazgos, estados y señoríos do Consello de Castela hai un preito do ano 1751 “sobre tanteo del señorío, jurisdicción y vasallaje” entre os veciños de Santa María de Dodro e o V marqués de Bendaña Andrés Vicente Piñeiro e Ulloa.
Frei Martín Sarmiento fai mención do pazo na súa viaxe de 1754. Foi descrito polo escritor Aubrey F. G. Bell na súa obra Galicia vista por un inglés, determinando que arredor do ano 1920 o pazo e a torre seguían en pé pero medio en ruínas.
Concluída a guerra civil o gobernador da Coruña, Julio Muñoz Aguilar, ofreceulle a Francisco Franco un agasallo da provincia; o pazo de Meirás, e para reconstruílo desmantelouse o pazo de Vigo. Tralo acordo plenario do 4 de abril de 1938 a corporación municipal do concello de Dodro considerou necesario doar o pazo á causa do Caudillo, o acordo outorgoulle a Franco a propiedade plena. Franco visitou Dodro para ver o pazo do marqués de Bendaña. Levaron as pedras do pazo, as figuras da capela, os escudos, os gravados etc. Había no pazo de Dodro unha importante biblioteca que probablemente se encontra no pazo de Meirás.
Coa chegada da transición o pazo de Dodro e o terreo lindeiro foron vendidos a particulares. Actualmente só se conserva a capela do pazo, e crese que as pedras da torre e os demais motivos ornamentais seguen no pazo de Meirás. O concello de Dodro reclamou a devolución de parte do seu patrimonio no ano 2008 para tentar recuperar tódolos elementos posibles dun dos seus edificios máis emblemáticos. De novo, no ano 2020, o goberno municipal de Dodro solicitou a restitución da memoria do pazo de Dodro e pediu que no inventario de bens do pazo de Meirás se identificasen as partes que puidesen corresponder ó devandito pazo.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos Río de San Lufo Pazos de Galicia
Ligazóns externas
Categoría:Pazos da provincia da Coruña Categoría:Dodro Categoría:Artigos destacados sobre Galicia