A bananeira, plataneiro ou plátano (Musa × paradisiaca) é unha planta herbácea de orixe asiática pertencente ao xénero Musa, propia dos países tropicais, moi cultivada en diferentes zonas do globo polo seu froito: a banana, tamén coñecida coma plátano.

Bananeira e o nome científico Musa × paradisiaca (ou Musa paradisiaca) fan referencia a un gran número de plantas herbáceas do xénero Musa, tanto híbridos obtidos horticulturalmente a partir das especies silvestres o xénero Musa acuminata e Musa balbisiana como cultivares xeneticamente puros destas especies. Clasificada orixinalmente por Linnaeus coma Musa paradisiaca en 1753, a especie tipo do xénero Musa, estudos posteriores levaron á conclusión de que a complexa taxonomía do xénero inclúe numerosos híbridos, de variada composición xenética, e se ten desenvolvido un sistema estritamente sui generis de clasificación para dar conta desta variación. Porén, de acordo coas regras do Código Internacional de Nomenclatura Botánica, o nome linneano ten prioridade, e segue a ser usado —tanto na súa forma orixinal como na modificada Musa × paradisiaca, que indica que se trata dun híbrido— para designar xenericamente a estas variedades.

Aínda que a Real Academia Galega recomende prioritariamente a forma banana, na nomenclatura vernácula galega (e española en xeral) trázase ás veces unha diferenza entre as bananas (normalmente máis grandes e que veñen de países tropicais) e plátano (normalmente máis pequeno e producido nas Illas Canarias); porén, en Hispanoamérica denominan bananas ás froitas consumidas crúas na sobremesa, e plátanos, aos froitos que, polo seu superior contido en fécula, deben asarse ou frixirse antes da súa inxesta. A diferenza non se corresponde exactamente con criterio xenético ningún; aínda que as variedades con maior presenza xenética de M. balbisiana acostuman estar comprendidas neste segundo grupo, non se pode determinar se unha planta producirá plátanos ou bananas simplemente pola súa constitución xenética. A confusión aumenta polo feito de que noutras rexións os termos son sinónimos (véxase, máis abaixo, apartado sobre etimoloxía).

No entanto, este grupo de vexetais conforma a froita intertropical máis consumida do mundo. Trátase dunha falsa baga, de forma falcada ou alongada, que medra en acios (mans) de até 400 unidades e 50 kg de peso; de cor amarela cando está maduro, é doce e carnoso, rico en fibras, glícidos, potasio, vitamina A, vitamina C e triptófano, contén un antiácido natural moi útil contra a pirose; ademais, é baixo en sodio e baixo en graxas. É moito máis rico en calorías que a meirande parte das froitas polo seu gran contido en fécula; dos 125 gramos que pesa de media, o 25% é materia seca, que aporta unhas 120 calorías. Contén os glícidos máis dixeríbeis (o corpo pode queimar as calorías que ofrece moito máis facilmente que as que proveñen das graxas).(s/a) (abril 2012). Musa bananera. ¿Cómo ves?, revista de divulgación científica de la UNAM, año 14, no. 161, p. 19. ISSN 1870-3186.

Cultívase en máis de 130 países, desde o sueste asiático de onde son nativas, até Oceanía e América do Sur; o principal produtor mundial é a India,Agri-Food Business Development Centre Estatísticas de produción por países - lido o 01 de febreiro 2013 onde se cultivan case un cuarto dos froitos comercializados no mundo, aínda que boa parte dos mesmos son para consumo doméstico. O principal exportador é o Ecuador, que xera case un terzo das exportacións globais. O volume de produción de bananas só é superado polo trigo (Triticum spp.), o arroz (Oryza sativa) e o millo (Zea mays). A produción continua de froito ao longo do ano fainos especialmente valiosos como alimento na época entre colleitas nos países tropicais; son as bananas de frixir as que cumpren este papel principalmente.

A banana é a froita tropical máis consumida en Galiza, sendo un alimento xa moi normal na dieta, iso si, soamente coma sobremesa. A maior parte das bananas que chegan a Galiza proceden das Illas Canarias, Camerún e o Ecuador. Algunha bananeira pode atoparse coma ornamental nos eidos estivais do sur de Galiza, porén non chegan a frutificar.

Descrición

A planta miniatura|Bananeira.

A bananeira non é unha árbore, senón unha megaforbia, unha herba perenne de gran tamaño. Como as demais especies de Musa, carece de verdadeiro tronco. No canto, posúe vaíñas foliares que se desenvolven formando estruturas chamadas pseudotalos, semellantes a fustes verticais de até 30 cm de diámetro basal que non son leñosos, e acadan os 7 m de altura.

As follas cóntanse entre as máis grandes do reino vexetal. Son lisas, tenras, oblongas, co ápice trunco e a base arredondada ou lixeiramente cordiforme, verdes pola face superior e máis clariñas e normalmente glaucas polo envés, coas marxes lisas e as nervaduras pinnadas, amarelentas ou verdes. Dispostas en espiral, despréganse até acadar 3 m de longo e 60 cm de largo; o pecíolo ten até 60 cm. Nas variedades con maior compoñente xenético de M. balbisiana este é cóncavo pola parte superior, cos extremos case tocándose por riba da canle adaxial. Da xenética depende tamén que sexa glabro ou pubescente. As follas tenden a se crebaren espontaneamente ao longo das nervaduras, dándolles un aspecto pouco axeitado. Cada planta ten normalmente entre 5 e 15 follas, sendo 10 o mínimo para a considerar madura; as follas viven non máis de dous meses, e nos trópicos renóvanse a razón dunha por semana na tempada de crecemento.

O elemento perenne é o rizoma, superficial ou subterráneo, que posúe meristemas a partir dos cales nacen entre 200 e 500 raíces fibrosas, que poden acadar unha fondura de 1,5 m e cubrir 5 m de superficie. Do rizoma tamén agroman rebentos ("chupóns") que substitúen o talo principal logo de florear e morrer. Nos exemplares cultivados só se deixa normalmente un para evitar que a planta sexa máis feble, mais nas plantas bravas aparecen en gran cantidade; este é o principal xeito de espallamento das variedades estériles, que son a maioría.

Flores Uns 10 a 15 meses logo do nacemento do pseudotalo, cando este xa deu entre 26 e 32 follas, nace directamente a partir do rizoma unha inflorescencia que abrolla do centro dos pseudotalos en posición vertical; semella un enorme casulo púrpura ou violáceo que se afina cara ao extremo distal, co pedúnculo e o raque glabros. Ao abrir, revela unha estrutura en forma de espiga, sobre cuxo talo axial dispóñense en espiral ringleiras duplas de flores, agrupadas en acios de 10 a 20 que están abeirados por brácteas grosas e carnosas de cor purpúrea. A medida que as flores desenvolven, as brácteas caen, un proceso que tarda entre 10 e 30 días para a primeira ringleira.

miniatura|Flor da bananeira.

As primeiras 5 a 15 ringleiras son de flores femininas, ricas en néctar; nelas o tépalo composto acada os 5 cm de longo e os 1,2 cm de largo; é branco ou máis raramente violáceo polo interior, coa cor translúcida á vista desde fóra coma unha delicada tonalidade purpúrea. A súa parte superior é amarela ou alaranxada, cos dentes duns 5 mm de longo, os dous máis exteriores dotados dun apéndice filiforme de até 2 mm de longo. O tépalo libre é aproximadamente da metade de tamaño, branco ou rosado, obtuso ou trunco, coa apícula mucronada e curta. Séguenas unhas poucas ringleiras de flores hermafroditas ou neutras, e as masculinas na rexión apical.

Agás nalgúns poucos cultivares, as flores masculinas desaparecen de súpeto logo de abriren (a excepción son as bananas 'Cavendish' e 'French'), deixando o ápice da espiga espido salvo por un casulo carnoso terminal que contén flores masculinos sen abrir. O enorme peso das flores fai que o talo floral se incline cara ao chan en pouco tempo; á súa vez, o fototropismo das flores fai que se dirixan no seu crecemento cara a arriba.

Nas variedades híbridas cultivadas polo seu froito, as flores masculinas son estériles, así como as femininas no cultivar 'Cavendish'. Os ovarios desenvólvense partenocarpicamente sen necesidade de polinización. Tacas escuras na polpa indican o resto dos óvulos sen desenvolver.

Froito right|miniatura|Froito da bananeira.

O froito tarda entre 80 e 180 días en se desenvolver por completo. En condicións ideais frutifican todas as flores femininas, adoptando unha aparencia dactiliforme que leva a que se denomine “man” ás fileiras nas que se dispoñen. Pode haber entre 5 e 20 mans por espiga, aínda que normalmente se trunca a mesma parcialmente para evitar o desenvolvemento de froitos imperfectos e evitar que o casulo terminal colle as enerxías da planta. O punto de corte fíxase normalmente na "falsa man", unha na que aparecen froitos ananos. En total pode producir uns 300 a 400 froitos por espiga, pesando máis de 50 kg.

O froito é unha falsa baga epíxina de 7 a 30 cm de longo e até 5 de diámetro, que forma un acio compacto. Está cuberta por un pericarpo coriáceo verde no exemplar inmaturo e amarelo intenso, vermello ou bandeado verde e branco ao chegar. É de forma lineal ou falcada, entre cilíndrica e marcadamente angulosa segundo a variedade. O extremo basal estréitase abruptamente cara a un pedicelo de 1 a 2 cm. A polpa é branca a amarela, rica en amidón e doce; nalgunhas bananas pode resultar algo adstrinxente ou gomosa polo seu contido en látex, fariñenta e seca. Moi rara vez as variedades diploides ou tetraploides producen sementes, negras, globosas ou irregulares, coa superficie rugosa, de até 16 × 3 mm de tamaño, incrustadas na polpa. As triploides, como 'Cavendish', nunca producen semente.

Hábitat

Orixe e distribución A bananeira moderna é un cultivo, probabelmente orixinario da rexión indomalaia. Desde Indonesia espalláronse cara ao sur e o oeste, acadando Hawai e a Polinesia por etapas. Os comerciantes europeos levaron noticias da planta a Europa arredor do século III a. C., mais non o introduciron deica o século X. Das plantacións da África Occidental os colonizadores portugueses levaríano á América do Sur no século XVI.

miniatura|Variedade de bananeira denominada plátano Tabasco (Musa cavendishii), cultivada no estado mexicano do mesmo nome. É o terceiro tipo de banana máis producida en México: as dúas primeiras son a anana xigante (Musa acuminata) e o ‘’plátano macho’’ (Musa paradisiaca).(s/a) (abril 2012). Musa bananera. ¿Cómo ves?, revista de divulgación científica da UNAM, ano 14, no. 161, p. 19. ISSN 1870-3186.