Sebastian Fagerlund, nado en Parainen o 6 de decembro de 1972, é un compositor finlandés residente en Helsinqui. É considerado como un dos máis interesantes compositores finlandeses da súa xeración.

Traxectoria Sebastian Fagerlund estudou composición na Sibelius-Akatemia de Helsinqui con Erkki Jokinen, finalizando os seus estudos en 2004. Tamén ten asistido a numerosas clases maxistrais de composición con mestres como Michael Jarrel, Magnus Lindberg e Ivan Fedele.

En 2006 estreouse o seu Concerto para Clarinete, que resultou un grande éxito que o levou a ser interpretado en varias ocasións dende aquela e fixo que se lle encargaran máis obras e representacións de importantes orquestras e músicos de todo o mundo. Ao ano seguinte, o Festival de Música de Korsholm - Mustasaari encargoulle a obra orquestral Isola, que dende aquela foi interpretada por diversas orquestras. En novembro de 2013, a BBC Symphony Orchestra estreou no Reino Unido o Concerto para guitarra, que foi gravado para a súa emisión posterior.

En 2011 a Sociedade Teosto outorgoulle o Teosto-palkinto, un dos premios máis importantes na mundo musical finlandés, pola súa obra orquestral Ignite. Ese mesmo ano, Ignite foi seleccionada como obra recomendada no International Rostrum of Composers 2011, en Viena.

Dende 2013 é director artístico do RUSK - Chamber Music Festival de Pietarsaari - Jakobstad (Finlandia).

Obra

O catálogo de obras de Fagerlund, ademais de música orquestral, inclúe música vocal, coral, música de cámara, e música para solista. Entre os seus traballos máis recentes destaca o Concerto para violín, escrito para o violinista finlandés Pekka Kuusisto e encargado pola Tampere Filharmonia, e estreado en 2012; tamén destaca o seu Concerto para guitarra e orquestra sinfónica encargado pola Radion sinfoniaorkesteri e estreado en 2013.

A súa música foi descrita como fluída, movemento rápido e rica en son. O fluxo rápido e a elasticidade rítmica son decotío compensados por episodios fráxiles e líricos, e o cambio entre a mobilidade e inmobilidade é unha das características principais da súa música, que transmite un sentimento de alto virtuosismo instrumental e un forte sentimento de mestría musicla, creando dramas musicais nos que o poder da expresión é combinado con intensidade e comunicabilidade.

Gravacións Existen gravacións de composicións de Fagerlund no selo sueco BIS Records.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Perfil de Sebastian Fagerlund en Edition Peters Sebastian Fagerlund en Music Finland Sebastian Fagerlund en BIS Records Sebastian Fagerlund – full speed ahead , artigo en fmq.fi

Categoría:Compositores de Finlandia Categoría:Nados en 1972 Categoría:Nados na rexión de Finlandia Propia