Evangelina Sobredo Galanes, nada en El Pardo (Madrid) o 11 de outubro de 1948 e finada en Colinas de Trasmonte (Provincia de Zamora) o 2 de agosto de 1976, foi unha cantautora española, máis coñecida como Cecilia. Acadou sona con cancións como "Un ramito de violetas", "Mi querida España" ou "Dama, dama".

Traxectoria Primeiros anos Foi a quinta dos oito fillos do militar e diplomático ferrolán José Ramón Sobredo Rioboo (1909-1990), e da viguesa María Dolores Galanes Saavedra, «Lolocha». Por mor do oficio do seu pai tivo unha infancia itinerante, e viviu no Reino Unido, Estados Unidos, Portugal, Alxeria e Xordania. Comezou a tocar a guitarra e a cantar cunha monxa estadounidense. Aprendeu inglés ao tempo que o castelán, e as súas primeiras cancións foron nos dous idiomas, decantándose finalmente por este último. De regreso a España comezou os estudos de Dereito, pero decidiu abandonalos e dedicarse por completo á música. As súas letras teñen un fondo poético e literario, e adscríbense a correntes existencialistas e á canción protesta feminista.

Carreira musical En Madrid comezou a tocar e cantar cancións en inglés en colexios maiores. En 1970 gravou o sinxelo Expresión canda a Ignacio Sáez de Tejada (Nuestro Pequeño Mundo), que incluía as cancións "Try catch the sun" e "Have you ever had a blue day?". En 1971 firmou un contrato coa multinacional CBS, que acababa de instalarse en España. Adoptou o nome artístico de Cecilia polo tema homónimo de Simon and Garfunkel. Gravou o seu primeiro sinxelo en solitario coas cancións "Mañana" e "Reuníos", esta última adicada a The Beatles, que viñan de separarse.

En 1975 representou a España no Festival da OTI.

Facelemento O 2 de agosto de 1976, sobre as 5:40 horas da madrugada, Cecilia morreu nun accidente de tráfico na estrada N-525 na aldea de Colinas de Trasmonte, a 13 km de Benavente (Zamora). Regresaba tras un concerto esa mesma noite na Sala Nova Olimpia de Vigo, cando o seu automóbil, un SEAT 124 matrícula M-2342-AX, bateu coa parte posterior dun carro tirado por bois que circulaba sen luces"La cantante Cecilia muere en accidente de tráfico", artigo en ABC, 3 de agosto de 1976 . nun tramo de vía urbana non iluminado. Ía durmida e morreu de forma instantánea. Acompañábana os seus tres músicos, finando o batería, Carlos de la Iglesia, amais dos dous ocupantes do carro. Está soterrada no Cemiterio da Almudena.

Vida persoal Cecilia mantivo unha relación afectiva co tamén músico Luis Gómez-Escolar, con quen colaborou nalgúns traballos.

Discografía Cecilia (1972) Cecilia 2 (1973) Un ramito de violetas (1975) Amor de medianoche (1975)

Notas

Véxase tamén Bibliografía Madrid, José: Equilibrista: la vida de Cecilia. Madrid, Ocho y Medio, 2011. ISBN 978-84-96582-76-7

Categoría:Cantantes da Comunidade de Madrid Categoría:Nados na Comunidade de Madrid Categoría:Nados en 1948 Categoría:Finados en 1976 Categoría:Feministas de España Categoría:Cantautores da Comunidade de Madrid Categoría:Finados en accidente de tráfico