O pazo de Torres Agrelo é un pazo galego situado no concello pontevedrés de Redondela, na parroquia de Reboreda.
Descrición
A súa construción data do ano 1750. O edificio principal do pazo é rectangular con dúas almenaras en cada extremo. No seu interior, destacan a existencia de azulexos de Triana, unha escaleira central de madeira de castiñeiro e varias fiestras de vidro policromado.
Foi empregado como hospital para o exército xermano durante a segunda guerra mundial e como refuxio durante a guerra civil española, e por este motivo conserva restos de pasaxes subterráneas.
Na actualidade emprégase para fins de restauración e hostalaría.
Mariscal Leoncio Rubín de Celis, natural de Redondela, mandou erguer o pazo en 1865, e o seu escudo aínda figura na fachada principal. En 1910, os xornais sinalaron que o pintor Joaquín Sorolla tiña interese en alugar o pazo para pasar o verán, aínda que non se confirma que finalmente o fixese.
A comezos do século XX, o pazo pasa a ser propiedade da familia Iturria, de Donostia, quen o mantería durante practicamente todo o século. Durante a época dos Iturria (fundamentalmente en meados do século XX), a propiedade investiu de forma significativa na mellora e ornamentación do xardín: creáronse unha gruta e fontes, un estanque e camiños ao estilo dos xardíns de Santa Lucía de Portugal, e destinárono tamén a celebración de eventos e banquetes. Foi entón cando o xardín acadou o seu máximo esplendor e participaría en concursos paisaxísticos.
Deste período destacaron especialmente as camelias centenarias (Camellia japonica e Camellia sasanqua), con exemplares de entre 100 e 150 anos, algunhas de gran porte —de ata 10–15 m de copa— incluídas no Catálogo de árbores senlleiras de Galicia por idade, tamaño e valor botánico. En 2020 estaba dedicado á hostalaría, con suxestivos xardíns para eventos e hóspedes.
Árbores senlleiras As camelias das especies Camellia sasanqua e Camellia japonica dos xardíns do pazo figuran no Catálogo de Árbores Senlleiras elaborado pola Xunta de Galicia, ao igual que a tuia xigante.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía Juan Manuel López-Chaves Meléndez e Grato Enrique Amor Moreno (1988): Inventario Pazos y Torres de la provincia de Pontevedra (tomo I), pp. 182-187. Deputación de Pontevedra. ISBN 84-86845-09-2.
Outros artigos Reboreda, Redondela Ligazóns externas Web oficial do Pazo Torres Agrelo
Torres Agrelo