miniatura|Fachada barroca da Catedral de Santiago de Compostela. A arte de Galicia tivo unha evolución paralela á do resto da arte europea, seguindo de formas diversas as múltiples tendencias que se teñen producido no contexto da historia da arte occidental. A historia da arte galega mostra as manifestacións culturais e artísticas ao longo do tempo dende os primeiros asentamentos humanos até a actualidade. Dende o paleolítico á cultura contemporánea, a arte feita en Galicia ten certas características propias, alimentada polas correntes traídas por outros pobos. A arte sempre foi un dos principais medios de expresión do ser humano, a través da cal expresa as súas ideas e sentimentos, o xeito de relacionarse co mundo. A súa función pode variar dende a máis práctica ata a máis ornamental, pode ter contido relixioso ou simplemente estético, pode ser duradeira ou efémera.
Ao longo da historia, Galicia acolleu diversas culturas e civilizacións, que achegaron o seu concepto de arte e deixaron o seu legado. Cada período histórico tivo unhas características concretas e definibles, comúns a outras rexións e culturas, ou ben únicas e diferenciadas, que foron evolucionando co devir dos séculos.
A arte galega é froito da diversa amálgama social e cultural achegada polos diversos pobos que habitaron o seu territorio: os primeiros poboadores prehistóricos deron paso á cultura castrexa xurdida na idade dos metais, estes convivirían máis tarde cos colonizadores romanos procedentes do Mediterráneo, que converterían a Gallaecia nun territorio máis do seu imperio; tras a caída deste, en Galicia os suevos fundaron o primeiro reino medieval europeo, que despois caeu baixo a dominación do reino visigodo. Na Idade Media, durante a invasión islámica da Península Ibérica (que apenas deixou pegada no territorio galego), xorde a cultura galego-portuguesa como entidade propia e definida, cunha lingua propia herdeira do latín e a consolidación do Reino de Galicia. Foi esta unha época de esplendor da arte galega, sendo o románico un período moi frutífero para o desenvolvemento artístico do territorio. Durante a Idade Moderna, baixo o poder da coroa española e a sucesión de crises económicas e culturais, a arte entra en certa decadencia, polo que o renacemento non é un período destacable na historia da arte galega. Todo o contrario sucede co barroco, que tivo en Compostela un desenvolvemento orixinal e xenuíno. Dende o século XIX, coa revitalización cultural que supuxo o Rexurdimento, Galicia é influída polos movementos artísticos e culturais que marcaron Europa, como o modernismo. Finalmente, xa no século XX houbo unha xeración de artistas que crean unha escola galega que conecta coas correntes internacionais, con nomes como os de Francisco Asorey, Carlos Maside, Luís Seoane, Maruxa Mallo ou Isaac Díaz Pardo.
Prehistoria
Non é doado determinar con exactitude en que momento o ser humano se asentou no territorio galego, pero moi posiblemente este feito se produciu hai máis de 120.000 anos, o que correspondería co Paleolítico Inferior. Estes primeiros poboadores eran pequenos grupos de cazadores-recolectores que vivían xeralmente en covas, onde se pensa que desenvolveron a arte rupestre, pinturas realizadas nas paredes das covas, que supoñen o primeiro medio de expresión empregado polo ser humano antes da invención da escritura. Estas pinturas están xeralmente ligadas a ritos relixiosos e representan a plasmación nunha linguaxe simbólica do pensamento dos primeiros seres humanos.
Paleolítico
Apenas se conservan restos de arte paleolítica en Galicia por mor da escaseza de covas neste territorio, a excepción da zona oriental, e a que a arte móbel se realizaba fundamentalmente sobre ósos e estes, debido á acidez da terra, non se conservan con facilidade. Porén, pódense distinguir a grandes trazos dúas características da arte galega do paleolítico: a pertenza a unha cultura común na área atlántica europea e o apego ás formas arcaicas. Consérvanse dende instrumentos líticos bifaces moi primitivos ata ferramentas máis elaboradas en pedra e óso.
Ata hai pouco a idea de que en Galicia existira unha arte de tipo rupestre nas covas das zonas montañosas orientais era unha mera suposición, pero nos últimos anos os achados na Cova Eirós (Triacastela) dos primeiros gravados e pinturas rupestres galegos confirmaron esta idea. Este feito abriu un novo camiño na investigación do paleolítico galego que, a pesar de todas as pescudas realizadas ata o momento, segue ofrecendo máis interrogantes que respostas.
O Mesolítico, que tamén é chamado Epipaleolítico, sitúase aproximadamente entre o 8000 a.C. e o 5000 a.C. É a etapa de transición entre o Paleolítico e o Neolítico. Prodúcense importantes cambios no clima, que se fixo máis cálido e húmido, recúan os glaciais e desaparecen a meirande parte dos animais de caza maior, coma o bisonte. Aparecen bosques, sobe o nivel do mar e mudan flora e fauna. Prodúcense aquí os primeiros ensaios da agricultura e da gandería.
Atopáronse asentamentos adxudicados a esta etapa na zona limítrofe entre as provincias da Coruña e Lugo. No val de Arnela existen lugares que proporcionaron burís, perforadores e raspadoiros. Desta época temos arte moble, probabelmente relacionada coa concepción relixiosa que tiñan os habitantes daquela época. miniatura|esquerda|Dolmen de Axeitos, San Martiño de Oleiros.Manuel A. Castiñeiras González e Fátima Díez Platas, Profano y pagano en el arte gallego SEMATA N.º 14, USC, 2003 .
Neolítico e megalitismo miniatura|200px|Lapa de Gargantáns, Moraña.
Nesta etapa, o Neolítico, a agricultura e a gandería aséntase definitivamente e comeza a produción de cerámica. Ao mesmo tempo, prodúcese un aumento da poboación. Galicia, o norte de Portugal até o río Douro, Asturias e o occidente das provincias de León e Zamora formaban parte dunha mesma zona megalítica, con arquitecturas, enxovais, unha organización social e un sistema de crenzas que hoxe estimamos relativamente homoxéneos. Esta área é unha das máis características dentro da cultura megalítica europea. miniatura|esquerda|Entrada ao Dolmen de Dombate, custodiada por ídolos de pedra. Desenvólvese a cultura das antas ou dolmens, construcións funerarias feitas con grandes bloques de pedra (de aí o nome de megálitos), que van evolucionando de xeito que reducen o seu tamaño ata converterse en cistas. Estas construcións recubríanse de terra e pedras, formando un túmulo que popularmente se coñece co nome de mámoa ou medoña. A anta máis antiga atopada en Galicia, a Chousa Nova I de Silleda, está datada arredor do ano 4350 a.C. O dolmen de Axeitos (San Martiño de Oleiros, Ribeira), coñecido como o "Partenón galego" e o dolmen de Dombate (Borneiro, Cabana de Bergantiños) son os exemplos máis coñecidos deste tipo de construcións.
Ademais de antas, tamén se realizan nesta etapa menhires rematados en punta e con decoración de cazoletas como a Lapa de Gargantáns, esculturas, pinturas e gravados en pedra.
Tras o Neolítico, entre os anos 2000 e 1800 a.C., desenvólvese un período de transición coñecido como Calcolítico ou Idade de Cobre, o cal fai de ponte coa Idade de Bronce. Cara ao ano 2000 chegan ao territorio galego os primeiros metais e cerámicas campaniformes do sur (hoxe Portugal), xorde a metalurxia e os asentamentos comezan a facerse máis estábeis. Desta etapa consérvanse cistas, puñais de cobre e as primeiras alfaias atopadas en Galicia.
Idade de Bronce
Nesta etapa aumenta o comercio coa Europa atlántica e o Mediterráneo peninsular. Polo tipo de obxectos atopados desta época, sabemos que se desenvolveu unha sociedade na que a guerra tiña unha grande importancia (hachas, lanzas...). Socialmente albíscase unha xerarquización, unha meirande especialización e un incremento da importancia do ligado co mundo bélico e de prestixio. Consérvanse un gran número de pezas de ourivaría, e os petróglifos comezan a facerse moi abundantes (xa se viñan facendo en etapas anteriores), sobre todo a partir do ano 1500 a.C.
Adoita falarse de tres períodos cronolóxicos referidos á fundición do Bronce no noroeste peninsular: Fase inicial: ensaios coa metalurxia (1800 - 1200 a.C.) Fase media: eclosión do Bronce (1200 - 1000 a.C.) Fase final: difusión (1000 - 700 a.C.)
miniatura|esquerda|Casco de Leiro, Idade de Bronce, ca. 1000 – 700 a.C., Museo Arqueolóxico da Coruña. Ourivaría É na etapa final do Bronce galego cando acontece a engalaxe definitiv da metalurxia do bronce, e prodúcese a introdución do chumbo nas aliaxes e o desenvolvemento de relacións entre os distintos focos atlánticos, ligados comercial e culturalmente (koiné atlántica). Aínda así, a meirande parte dos obxectos de metal son de produción local, aínda que inspirados en modelos foráneos, debido ás relacións culturais e comerciais xa nomeadas. A maioría de achados do Bronce final de Galicia sitúanse ó norte e oeste do río Miño e, aínda que en menor proporción, nas cuncas do Limia, do Támega e do Sil. Desta época son pezas como a espada de Mouruás, a espada de Forcas, o casco de Leiro ou o tesouro de Caldas de Reis.
Petróglifos miniatura|Labirinto de Mogor, Marín, debuxo de Enrique Campo.
O conxunto de petróglifos (gravados sobre rochas) galegos (Grupo Galaico de Arte Rupestre) é un dos máis ricos e peculiares dentro do marco europeo e incluso mundial. Están realizados sobre granito, agás os máis primitivos conservados, que están gravados sobre lousa e xisto. Os petróglifos galegos presentan unha elevada erosión e, en ocasións, son difíciles de observar. miniatura|esquerda|Petróglifos de Laxe das Rodas, Louro, Muros. Os conxuntos de petróglifos sitúanse nas abas das serras, e en ocasións atópanse rodeando brañas e cubetas, así como nas liñas de tránsito que comunican estas zonas cos lugares onde se atopan os poboados, como demarcando un territorio. Nas sociedades prehistóricas a arte sempre estivo relacionada con actividades de carácter ritual e relixioso, é dicir, que ademais de servir como marca territorial, os petróglifos puideron funcionar como lugares de agregación de guerreiros e como indicadores de sitios cunha especial carga simbólica. miniatura|Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre, O Campo Lameiro. Existen dous tipos de deseños: os figurativos ou naturalistas (cervos, cabalos, figuras humanas...) e os xeométricos ou abstractos (como as combinacións circulares). Aínda que son menos abundantes e están menos espallados xeograficamente, os petróglifos naturalistas son os máis característicos da arte rupestre galega. Na meirande parte trátanse de representacións de animais, o que nos fala da importancia cotiá e simbólica que tiñan na sociedade da época. As representacións antropomorfas, que se caracterizan por ser moi esquemáticas e simples, son moito menos abundantes e adoitan representar escenas de caza ou pastoreo. Nas representacións de armas distínguense espadas curtas, puñais e escudos. O feito de que nunha cultura de gandería e agricultura os únicos temas representados sexan a caza e a guerra parece falarnos de que estas se trataban de actividades de prestixio. Entre as representacións xeométricas, as máis abondosas, destacan os círculos concéntricos, os deseños labirínticos (salientando os Labirintos de Mogor), as espirais, os puntos e as cazoletas. O seu significado simbólico é difícil de interpretar a día de hoxe.
Algunhas das estacións arqueolóxicas máis destacadas son o Parque arqueolóxico do Campo Lameiro (Pontevedra), conxunto considerado por moitos autores como a "Capela Sistina" dos petróglifos galegos, os Labirintos de Mogor (Marín) ou o Castriño de Conxo, no concello de Santiago de Compostela.
Idade Antiga