55 Cancri e (abreviadamente 55 Cnc e) é un planeta extrasolar en órbita ó redor da estrela 55 Cancri A, semellante ó noso Sol. A súa masa é de case 7,8 masas terrestres e o seu diámetro é de case dúas veces maior có da Terra, sendo clasificado coma a primeira Super-Terra descuberta ó redor dunha estrela na secuencia principal, anticipándose a Gliese 876 d nun ano. Lévalle menos de 18 horas completar unha órbita e é o planeta máis interior (do que se ten coñecemento) do seu sistema planetario. 55 Cancri e foi descuberto o 30 de agosto de 2004. Ata o 2010, no que se fixeron novas observacións e cálculos, pensábase que este planeta tardaba case 2,8 días en completar unha órbita. En outubro do 2012, anunciouse que 55 Cancri e podería ser un planeta de carbono.

Descubrimento Como a maioría dos planetas extrasolares coñecidos (atopados con anterioridade ó lanzamento da misión Kepler), 55 Cancri e foi descuberto a través da detección de variacións da velocidade radial da súa estrela. Isto foi conseguido a través de medicións sensibles ó efecto Doppler do espectro de 55 Cancri A. No momento do seu descubrimento, xa se coñecían outros tres planetas orbitando a estrela. Despois de descubrir eses planetas, quedaba un sinal do redor de 2,8 días, o que podería ser explicado por un planeta de polo menos 14,2 masas terrestres nunha órbita moi próxima á estrela. Estas mesmas observacións serviron para confirma-la existencia de 55 Cancri c.

55 Cancri e foi un dos primeiros planetas extrasolares descuberto cunha masa comparable á de Neptuno. Anúnciase ó mesmo tempo o descubrimento doutro "Neptuno quente", Gliese 436 b, que orbita ó redor da anana vermella Gliese 436.

Existencia do planeta cuestionada No ano 2005, a existencia do planeta 'e' foi cuestionada por Jack Wisdom nunha re-análise dos datos. Segundo el, no sitio dun planeta cun período de 2,8 días, o que en realidade había era un planeta cunha masa semellante a de Neptuno cun período orbital de 261 días ó redor de 55 Cancri A. No 2007, Debra Fischer e os seus colegas da San Francisco State University publicaron unha nova análise indicando que ambos planetas existían; o planeta de 261 días de período orbital recibiu a designación de 55 Cancri f.

Tránsito O planeta transita a súa estrela primaria, o cal foi anunciado o 27 de abril do 2011, baseándose en dúas semanas de monitorización fotométrica case continua co telescopio espacial MOST. O tránsito ocorre co período (0,74 días) e fase que predixeron Dawson & Fabrycky. Este é un dos poucos tránsitos confirmados ó redor dunha estrela ben estudada, e que lle permitiu ós investigadores indagar sobre a composición do planeta.

Órbita e masa O método de velocidade radial empregado para detectar 55 Cancri e obtén unha masa mínima de 7,8 veces a da Terra, ou o 48% da masa de Neptuno. O tránsito mostra que a súa inclinación é de preto de 83,4 ± 1,7. Así pois, a masa real é próxima ó rango mínimo. 55 Cancri 'e' é coplanar con 'b'.

Características 55 Cancri e recibe máis radiación cá Gliese 436 b. A cara que mira cara a súa estrela está a máis de 2.000 Kelvin (máis de 3.140 Fahrenheit), quente de abondo coma para fundi-lo metal.

Inicialmente non se sabía se 55 Cancri e era un pequeno xigante de gas coma Neptuno ou un gran planeta rochoso. No 2011, un tránsito do planeta foi confirmado, permitindo ós científicos calcula-la súa densidade. Ó principio sospeitábase que podía ser un planeta de auga. As observación iniciais non amosaban hidróxeno na súa sinatura de tránsito Lyman-alpha, Ehrenreich cavilaba con que eses volátiles poderían ser dióxido de carbano, no sitio de auga ou hidróxeno.

Unha posibilidade alternativa é que 55 Cancri e sexa un planeta sólido feito de material rico en carbono, no canto de material rico en osíxeno, que é o que compón os planetas terrestres no noso sistema solar. Nese caso, ó redor dun terzo da masa do planeta sería de carbono, moita desa masa podería estar en forma de diamante, coma resultado das altas temperaturas e presións do interior do planeta. Son necesarias máis observacións para confirma-la natureza do planeta.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Mu Arae c

Ligazóns externas

Extrasolar Visions: 55 Cancri e Spitzer Detects a Steaming Super-Earth Eclipsing Its Star (JPL 09.26.11)

Categoría:55 Cancri