John Ronald Reuel Tolkien, citado a miúdo como J. R. R. Tolkien, CBE (), nado en Bloemfontein o 3 de xaneiro de 1892 e finado en Bournemouth o 2 de setembro de 1973, foi un escritor, poeta, filólogo e profesor de universidade inglés de orixe surafricana, coñecido principalmente polas súas obras O Hobbit, O Señor dos Aneis e O Silmarillion.
Foi profesor de anglosaxón no Pembroke College de 1925 a 1945, e profesor de lingua e literatura inglesa no Merton College de 1945 a 1959. Durante esta época mantivo unha boa relación de amizade con C. S. Lewis, formando parte ámbolos dous do mesmo grupo informal de discusión literaria. Foi nomeado Comandante do Imperio Británico pola raíña Isabel II o 28 de marzo de 1972.
Trala súa morte, o seu fillo Christopher recompilou e publicou varias obras baseadas nos manuscritos e notas non publicadas do seu pai, incluíndo O Silmarillion. Estas obras, xunto O Hobbit e O Señor dos Aneis forman unha serie de contos, poemas, historias e linguas conectadas ambientadas no mundo ficticio que Tolkien denominou Arda, coa Terra Media dentro dela. Entre 1951 e 1955 Tolkien aplicou o termo legendarium a gran parte destes escritos.
Aínda que outros autores anteriores xa tiveran publicado obras de fantasía antes ca Tolkien, a popularidade das súas obras fixo que se lle identifique popularmente coma o "pai" da literatura fantástica moderna. En 2008, o xornal The Times clasificouno no sexto posto nunha lista dos "50 escritores británicos máis importantes dende 1945". Forbes clasificouno no 5º posto das personalidades defuntas con máis ingresos no 2009.
Traxectoria Orixes familiares Moitos dos devanceiros de Tolkien por parte de pai eran artesáns. A familia Tolkien tiña a súa orixe na Baixa Saxonia, pero viviran en Inglaterra dende o século XVIII, volvéndose "rapidamente intensamente ingleses"."quickly intensely English", Varias familias co apelido Tolkien, ou a súa variante Tolkiehn, aínda viven no noroeste de Alemaña, principalmente na Baixa Saxonia e Hamburgo. Un escritor alemán sostén que o apelido semella vir da poboación de Tolkynen, preto de Rastenburg, en Prusia Oriental, lonxe da Baixa Saxonia. O nome deste lugar deriva da extinta lingua prusiana antiga.
Infancia miniatura|esquerda|Tarxeta de Nadal de 1892 cunha fotografía da familia Tolkien en Bloemfontein. John Ronald Reuel Tolkien naceu o 3 de xaneiro de 1892 en Bloemfontein, no Estado Libre de Orange (hoxe a provincia de Estado Libre, parte de Suráfrica). Era fillo de Arthur Reuel Tolkien (1857–1896), traballador de banca, e da súa muller Mabel, de apelido de solteira Suffield (1870–1904). A parella deixara Inglaterra cando Arthur fora ascendido para dirixir a oficina de Bloemfontein do banco británico para o cal traballaba. Tolkien tiña un irmán máis novo ca el, Hilary Arthur Reuel, que nacera o 17 de febreiro de 1894.
Cando era pequeno, Tolkien sufriu a picadura dunha gran tarántula, algo que algúns pensan que puido ter influencias nas súas historias, malia que Tolkien admitía non lembrar este suceso e non odiar especialmente as arañas como adulto. Noutro incidente, un rapaz que traballaba na súa casa levouno ao seu kraal (aldea zulú), levándoo de volta a casa ao día seguinte.
Cando contaba con tres anos, Tolkien viaxou a Inglaterra coa súa nai e o seu irmán no que ía ser unha longa visita familiar. Cando estaban alí, o seu pai morreu en Suráfrica de febre reumática sen poder chegar a reunirse con eles. Isto deixou á súa familia sen ingresos, polo que a súa nai o levou vivir cos seus pais a Kings Heath, Birmingham. Pouco despois, en 1896, trasladáronse a Sarehole (hoxe en Hall Green), entón unha vila de Worcestershire, máis tarde unida a Birmingham. Na súa biografía indícase que gozaba explorando o muíño de Sarehole, a turbeira de Moseley e os outeiros de Clent, Lickey e Malvern, que máis tarde inspirarían escenas dos seus libros, xunto con outras poboacións de Worcestershire como Bromsgrove, Alcester, e Alvechurch, e lugares como a granxa da súa tía Jane de Bag End, nome que logo empregaría na súa ficción.
A súa nai, Mabel Tolkien, ensinoulles aos seus dous fillos na propia casa, e Ronald chegou a ser coñecido na familia coma un alumno aplicado. As ensinanzas en botánica da súa nai espertaron nel a afección polas plantas. A Tolkien gustáballe debuxar paisaxes e árbores, pero as materias nas que tiña máis interese eran as relativas ás linguas, e a súa nai ensinoulle as bases do latín moi cedo. Aos catro anos era capaz de ler fluidamente e foi quen de escribir correctamente pouco despois. A súa nai permitiulle ler moitos libros; non lle gustou A illa do tesouro nin The Pied Piper, e pensaba que Alicia no país das marabillas de Lewis Carroll era un libro "divertido mais inquietante". Gustábanlle as historias sobre os indios e os libros de fantasía de George MacDonald. Ademais, os "Fairy Books" de Andrew Lang foron particularmente importantes para el, chegando a influenciar algúns dos seus escritos posteriores.
miniatura|dereita|King Edward's School en Birmingham, onde Tolkien estudou entre 1900 e 1902, e entre 1903 e 1911. Tolkien asistiu á King Edward's School de Birmingham, e despois á St. Philip's School, antes de volver á King Edward's School. A súa nai converteuse ao catolicismo, e foi recibida na Igrexa católica en 1900 a pesar das protestas da súa familia baptista, que tras isto deixaría de prestarlle axuda económica. En 1904, cando Tolkien tiña 12 anos, Mabel morreu en Fern Cottage, Rednal, aos 34 anos de idade. A súa idade era avanzada para unha persoa con diabetes mellitus sen tratamento de insulina, que sería descuberto dúas décadas máis tarde. Nove anos logo do seu pasamento, Tolkien escribiu:
Antes da súa morte, Mabel Tolkien asignara a custodia dos seus fillos ao crego Francis Xavier Morgan do Oratorio de Birmingham, para que recibisen unha boa formación católica. Tolkien medrou na zona de Edgbaston, en Birmingham. Viviu alí á sombra do Perrott's Folly e da torre vitoriana de Edgbaston Waterworks, que puideron influenciar as imaxes de torres escuras nas súas obras. Outra forte influencia foron as pinturas do medievalista romántico Edward Burne-Jones e da Irmandade Prerrafaelita que se expoñían no museo de Birmingham
Xuventude Na súa adolescencia Tolkien comezou a interesarse polas linguas construídas, ao tempo que estudaba latín e anglosaxón, tendo un primeiro contacto cunha inventada polas súas curmás Mary e Marjorie Incledon, chamada Animalic. Xunto coa súa curmá Mary inventou unha nova e máis complexa, chamada Nevbosh, e posteriormente el mesmo construíu unha nova chamada Naffarin.
En 1911, estando na King Edward's School de Birmingham, Tolkien e tres amigos seus, Rob Gilson, Geoffrey Bache Smith e Christopher Wiseman, formaron un club chamado T.C.B.S., iniciais de Tea Club and Barrovian Society, facendo referencia á súa afección a tomar té en Barrow's Stores e, en segredo, na biblioteca da escola. Tras rematar o período escolar, mantivo o contacto con eles, o que reforzaría a dedicación de Tolkien de cara á poesía.
Tamén en 1911, Tolkien pasou unhas vacacións en Suíza, tal e como describe detalladamente nunha das súas cartas de 1968, indicando que a viaxe de Bilbo a través das Montañas Bretemosas está directamente inspirado nesta viaxe, na que fixo unha travesía a pé dende Interlaken ata Lauterbrunnen, acampando nas morenas de Mürren. Nesta viaxe pasou por Kleine Scheidegg, Grindelwald, Grosse Scheidegg e Meiringen, continuando por Valais, Brig e Zermatt.
En outubro dese mesmo ano, Tolkien comezou os seus estudos de lingua e literatura inglesa no Exeter College de Oxford, graduándose no 1915 con matrícula de honra.
Noivado e casamento miniatura|Fachada da igrexa católica de Santa María Inmaculada de Warwick onde casou Tolkien. Aos 16 anos Tolkien e o seu irmán Hilary trasladáronse a unha hospedaxe en Duchess Road, Edgbaston, onde coñecería a Edith Mary Bratt, que era tres anos maior ca el.
Humphrey Carpenter escribiu:
O seu gardián, o padre Morgan, consideraba a Edith a causa de que Tolkien non tivera bos resultados nos seus exames e consideraba "desafortunado" que o seu fillo adoptivo se involucrara nunha relación cunha muller maior ca el e protestante, prohibíndolle todo contacto con ela ata que Tolkien tivese 21 anos. Obedeceu esta prohibición ao pé da letra, agás nunha ocasión nos comezos, na que o seu pai adoptivo o ameazou con terminar os seus estudos universitarios.
Nunha carta de 1941 para o seu fillo Michael, Tolkien escribiu:
Na noite do seu 21º aniversario, Tolkien escribiulle a Edith, declarándolle que nunca deixara de amala e pedíndolle matrimonio. Edith respondeulle que xa estaba prometida con George Field, o irmán dunha amiga súa. O 8 de xaneiro de 1913, Tolkien viaxou en tren ata Cheltenham para reunirse con ela. Tras pasar o día xuntos, Edith aceptou casar con el, e devolveulle o anel de compromiso a Field nunha carta, o que foi considerado pola familia deste coma "insultante". Tralo seu compromiso, Edith converteuse ao catolicismo baixo a insistencia de Tolkien, e finalmente casaron na igrexa católica de Santa María Inmaculada en Warwick, o 22 de marzo de 1916. Na súa carta de 1941, Tolkien expresou a súa admiración pola valentía da súa muller para casar cun home sen traballo, poucos cartos, e ningunha expectación para o futuro agás a posibilidade de morrer na "Gran Guerra".
Primeira guerra mundial En 1914, trala entrada do Reino Unido na primeira guerra mundial, os familiares de Tolkien sorprendéronse de que non se presentara inmediatamente coma voluntario para o exército británico. Na súa carta de 1941, Tolkien indicou que "Neses días os xoves uníanse, ou eran desprezados publicamente. Era unha situación problemática para un mozo con demasiada imaxinación e pouca coraxe física"."In those days chaps joined up, or were scorned publicly. It was a nasty cleft to be in for a young man with too much imagination and little physical courage."
No seu lugar, Tolkien "aturou a deshonra" e entrou nun programa que lle permitiu atrasa-lo seu alistamento ata que completase os seus estudos. Cando rematou os exames finais en xullo de 1915, Tolkien indicou que a súa familia comezou a presionalo. Foi recrutado coma Tenente Segundo no corpo de fusileiros Lancashire. Adestrouse co 13º Batallón en Cannock Chase, Staffordshire, durante once meses. Nunha carta á súa muller Edith, Tolkien manifestou que "Os cabaleiros non son comúns entre os superiores, incluso raramente son seres humanos""Gentlemen are rare among the superiors, and even human beings rare indeed." Trala súa voda, ámbolos dous se mudaron a vivir preto do campo de adestramento.
Posteriormente escribiu: "Os oficiais novos morren, a unha ducia por minuto. Separarme da miña muller naquel entón... era coma a morte""Junior officers were being killed off, a dozen a minute. Parting from my wife then ... it was like a death."
Francia O 5 de xuño de 1916, Tolkien embarcou nun transporte de tropas nunha viaxe dun día ata Calais. Coma o resto de novos soldados que chegaban daquela, Tolkien foi asignado á base da Forza Expedicionaria Británica en Étaples. O 7 de xuño foi informado da súa asignación coma oficial de sinais no 11º corpo de Fusileiros Lancashire, que fora debilitado tras unha dura loita na Batalla de Vimy Ridge.
Coma pasatempo, compuxo un poema titulado The Lonely Isle, inspirado pola súa travesía marítima ata Calais. Para evadir a censura postal do exército británico, tamén pasaba o tempo desenvolvendo un código de puntos para que a súa muller Edith puidera seguir os seus movementos nas cartas que lle enviaba.
Deixou Étaples o 27 de xuño de 1916 e uniuse á súa nova unidade en Rubempré, preto de Amiens. Ao chegar atopouse comandando a homes que saíran principalmente dos pobos mineiros e agrícolas de Lancashire.