Ferenc Puskás (en húngaro Puskás Ferenc), nado en Kispest (Budapest) o 2 de abril de 1927 e finado na mesma cidade o 17 de novembro de 2006, foi un lendario futbolista e despois adestrador húngaro. Está considerado coma un dos mellores xogadores de tódolos tempos e un dos goleadores máis efectivos, anotando 84 goles en 85 encontros internacionais para a selección húngara e 511 goles en 533 encontros na liga húngara de fútbol e na liga española de fútbol.
Traxectoria Durante os anos 50 converteuse no capitán e nunha das estrelas da selección húngara coñecida coma o Aranycsapat ("Equipo de ouro" en húngaro). Con Puskás estaban outros lendarios futbolistas coma Sándor Kocsis, Zoltán Czibor, József Bozsik ou Nándor Hidegkuti.
Puskás xogou para o Honvéd ata 1956, ano no que estoupou a Revolución Húngara. Este feito colleu ós xogadores fóra do país, por mor dunha eliminatoria de Copa de Europa contra o Athletic de Bilbao. Moitos negáronse a volver, e tentaron sacar ás súas familias de Hungría o antes posible. En 1958 ficha polo Real Madrid e alí xúntase con outros grandes xogadores coma Alfredo Di Stéfano, Francisco Gento, Raymond Kopa, Héctor Rial ou José Santamaria.
O que máis destacaba de Ferenc Puskás era o seu mortífero disparo coa perna esquerda, que non deixou de reportarlle goles ao longo de toda a súa carreira. Foi o máximo anotador da Liga Húngara en catro ocasións. Amais, nunha delas, en 1948, foi tamén o máximo anotador europeo (Bota de Ouro). Tempo despois, cando marchou ao Real Madrid gañou catro veces o Trofeo Pichichi e anotou sete goles en dúas finais da Copa de Europa
En 1995 foi galardoado coma o máximo anotador do século XX pola IFFHS. Scroll down to subhead "Puskas memories for sale".
O 17 de novembro de 2006 Puskás morre en Budapest á idade de 79 anos.
Infancia e xuventude O seu nome de pía era Ferenc Purczeld, apelido de orixe xermana. Á idade de dez anos o seu pai, tamén futbolista do Kispest FC, trocou seu apelido por Puskás, que o seu fillo Ferenc adoptou de inmediato. Unha tradución aproximada desta verba pode ser "escopeta".
Comeza a súa carreira coma xove promesa do Kispest, sendo o seu pai o adestrador do equipo. Neses anos empregaba outro nome Miklós Kovács, para poder aparentar unha idade maior da que realmente posuía, o que lle permitía xogar con rapaces máis vellos ca el. Oficialmente asinou contrato coa escuadra ós doce anos.
Entre os seus xoves compañeiros estaba seu amigo da infancia e futuro membro do "Equipo de Ouro" József Bozsik.
O seu debut con primeiro equipo do Kispest FC foi en novembro de 1943, nun encontro contra o Nagyvárad.
Xogador Hungría En 1949 o Ministerio de Defensa Húngaro toma o control do Kispest, converténdoo no equipo de fútbol do Exército Húngaro e trocándolle o nome por Honvéd. Por mor disto, os xogadores comezaron a obter rangos militares. Por exemplo, o propio Puskas chegou a ser Maior, de aí que os ingleses o alcumaran "The Galloping Major"..
Sendo o club do exército, empregaron levas para fichar ós mellores futbolistas húngaros. Así conseguiron as fichaxes de estrelas coma Zoltán Czibor e Sándor Kocsis..
Mentres ficou no Hónved, Ferenc axudou ao club a gañar cinco títulos da Liga Húngara. Tamén foi o máximo anotador da competición nas tempadas 1947/48, 1949/50, 1950 e 1953, con 50, 31, 25 e 27 goles respectivamente. A marca dos 50 serviulle tamén para se-lo máximo anotador de toda Europa, o que anos despois se deu en chamar Bota de Ouro.
Puskás fixo o súa estrea coa selección o 20 de agosto de 1945, nun encontro contra a Austria que rematou coa vitoria dos maxiares por 5-2. Aquí anota o primeiro dos seus goles co combinado maxiar.
En total anotaría 84 goles en 85 encontros incluíndo dous tripletes á Austria, un a Luxemburgo e catro a Albania..
Xunta Zoltán Czibor, Sándor Kocsis, József Bozsik e Nándor Hidegkuti formaría o núcleo dan lendaria escuadra que ficou 32 encontros sen coñece-la derrota.
Ao longo desta etapa de imbatibilidade gañaron a medalla de Ouro nos Xogos Olímpicos de 1952, vencendo a Iugoslavia por 2-0 na final disputada en Helsinqui. Puskás anotaría catro goles no torneo.. A pesar deste éxito aínda foi máis soada a lección de fútbol que lle deron a Inglaterra no Estado de Wembley, cando en 1953 os derrotaron por 3-6. Isto converteunos no primeiro equipo da Europa continental en gañarlle á selección inglesa na súa propia casa.. A humillación para os ingleses non remataría aquí. Ao ano seguinte, 1954, devólvenlles a visita e xogan un encontro en Budapest. Os maxiares vencen de novo, desta volta por 7-1. Puskás anotou dous goles en cada encontro contra Inglaterra.
En 1953 tamén conseguen gaña-la Copa Dr. Gerő, un trofeo entre seleccións nacionais da Europa Central que tardou cinco anos en completarse. Hungría remata na cabeza da clasificación con once puntos e Puskás é nomeado máximo anotador do torneo con 10 goles. O encontro que lles deu o trofeo foi a vitoria contra a Italia por 0-3 nun encontro disputado na cidade de Roma.
En 1954 dispútase o Mundial de Suíza onde os húngaros son un dos claros favoritos para alzarse co título de campión. Os dous primeiros encontros sáldanse con contundentes vitorias a prol dos maxiares: 9-0 contra Corea do Norte e 8-3 contra Alemaña do Oeste, Puskás anotou un total de tres goles. Neste último encontro sofre unha mancadura no nocello que o vai afastar do once inicial ata a final.
Tras vencer ó Brasil no que se deu en chamar "A batalla de Berna", gánanlle tamén ao Uruguai, plantándose na final.
O derradeiro e máis importante encontro do torneo ía enfrontar de novo ós húngaros contra a Alemaña do Oeste. O adestrador, Gusztáv Sebes decidiu que Puskás tiña que xogar a pesar de non terse recuperado totalmente do golpe no nocello. Aínda así, ós seis minutos de xogo anota o primeiro tanto para os maxiares. Czibor marca o segundo pouco despois e a vitoria semella encarrilada. Mais a escuadra xermana consegue empata-lo encontro antes do descanso.
Quedando só seis minutos para o remate do encontro, Alemaña adiántase no marcador grazas a un disparo coa perna esquerda de Helmut Rahn que bate a Grocsis. Catro minutos despois, Puskás empata de novo mais o tanto é anulado por un máis que dubidoso fóra de xogo. Ó final, 3-2 para os xermanos.
En 1956 o Honvéd clasifícase para a Copa de Europa, e son emparellados co Athletic de Bilbao na primeira rolda. No estado de San Mamés a escuadra vasca imponse por 3-2 e antes de xogarse o encontro de volta estoupa a Revolución Húngara en Budapest. Os xogadores maxiares néganse a retornar a Hungría neses intres e conseguen que se poida disputa-lo encontro en Bruxelas..
A volta remataría cun resultado de empate 3-3 mais o Honvéd cae por un 6-5 no total da eliminatoria. Unha vez eliminados, sacan ás súas familias de Hungría e realizan unha xira con obxectivo de gañar algúns cartos, xa que neses intres case non tiñan ni para comer. A pesar da oposición da FIFA e das autoridades húngaras viaxan por Italia, Portugal, España e o Brasil. Tralo seu retorno á Europa os xogadores escollen cada un cadanseu camiño. Algúns coma Bozsik retornaron a Hungría, namentres que outros coma Czibor, Kocsis ou Puskás procuraron novos clubs na Europa do Oeste.
España Despois do seu rexeitamento a regresar a Hungría, xogou uns cantos encontros amigables co RCD Español. Neses momentos os clubs italianos do A.C. Milan e a Juventus tentaban facerse cos seus servizos, mais a UEFA promulgou unha sanción de dous anos que lle impedía poder xogar en Europa. Neses anos estivo vivindo primeiro en Austria e logo marchou cara Italia.
Tras cumprirse o prazo da sanción quixo fichar por algún club italiano, máis a súa idade (31 anos) e o seu peso fixeron que non recibira oferta algunha dos clubs máis importantes do Calcio.. De calquera xeito, sorprendentemente o Real Madrid interesouse por contratalo e aquí, en 1958, comeza a segunda etapa da súa carreira futbolística.
Na súa primeira tempada de branco, a 1958/59, Puskás anotou catro tripletes, o primeiro deles xa no seu segundo encontro, o 21 de setembro de 1958 contra o Sporting de Gijón. En xaneiro el e mais Alfredo Di Stéfano conseguen un triplete por cabeza nun encontro contra a UD Las Palmas. Outras das súas actuacións memorables foron contra o Elche CF, facéndolle catro goles na 60/61 e cinco na 61/62. En 1963 faille dous tripletes ó FC Barcelona, un no Estadio Santiago Bernabéu e outro no Camp Nou.
En total, nas oito tempadas nas que ficou no Madrid, xogou 180 encontros de liga, anotando 156 goles. Nas súas seis primeiras tempadas rematou a liga cun mínimo de 20 goles e gañou o Trofeo Pichichi en catro ocasións: 1960, 1961, 1963 e 1964, con 26,27,26, e 20 goles respectivamente. Estes tantos axudaron á escuadra merengue a gaña-la liga cinco veces consecutivas entre os anos 1961 e 1965, así coma unha copa do xeneralísimo en 1962. Puskás anotou os dous goles do seu equipo na final contra o Sevilla FC.
No relativo ás competicións europeas, xogou un total de 39 encontros de Copa de Europa, anotando 35 goles. Na Copa de Europa da tempada 58-59 xogou un papel decisivo anotando nas semifinais contra o Atlético de Madrid, mais non puido disputa-la final por mor dunha mancadura.
De calquera xeito, ó ano seguinte comeza a campaña europea cun triplete contra o Jeunesse Esch, e na semifinal anotaría outros tres goles contra o FC Barcelona. A final contra o Eintracht Frankfurt pasaría á historia, co propio Ferenc e Alfredo Di Stéfano coma protagonistas indiscutibles. O encontro rematou 7-3, con catro goles de Puskás e tres de Di Stéfano.
Nas seguintes campañas europeas, aínda anotaría outros tres tripletes máis, incluíndo o da famosa vitoria do Benfica ó Madrid por 5-3, onde Eusébio foi a grande estrela da escuadra portuguesa.
En 1962, Puskás colle a cidadanía española e chegaría a xogar catro encontros coa súa selección, participando no Mundial de 1962 no que non conseguirían pasar da primeira rolda, a pesar de contar con xogadores coma, amais do propio Puskás, Alfredo Di Stéfano, Francisco Gento ou Luis Suárez.
Adestrador Tralo seu retiro coma xogador, emprende unha carreira de adestrador que o levará a percorrer medio mundo. O seu primeiro traballo foi no Hércules CF, no ano 1967.
En 1970 colle o mando do club grego do Panathinaikos FC, e ó ano seguinte lévao ata a final da Copa de Europa, que perde contra o Ajax Amsterdam de Johan Cruyff por 2-0. A día de hoxe segue a ser o único club do país helénico en chegar á final desta competición. Puskás ficou alí ó longo de cinco anos, durante os cales tamén se fixo con dous títulos de liga (1970 e 1972). Todos estes éxitos fixeron del un auténtico ídolo entre os seareiros do club, que aínda o consideran o mellor adestrador que endexamais tiveron.
No ano 1974 marcha de Grecia para facerse cargo do Real Murcia, en España. Pouco despois marchará para Chile, onde adestrará ó Colo-Colo.
Puskás porase á fronte dunha selección nacional por vez primeira en 1976, adestrando a Arabia Saudita. Despois dun ano, abandonaría o cargo para volver a Grecia, desta volta ó AEK Athens, conseguindo o sétimo campionato de liga para o club.
En 1979 viaxa a Exipto para adestrar o Al-Masry, unha das escuadras da primeira división exipcia. Ficará alí tres anos.
No ano 1985 volve a Suramérica, desta volta a Paraguai, onde se fai cargo do Sol de América e despois do Cerro Porteño.
A derradeira escuadra que adestrou foi o South Melbourne Hellas australiano, conseguindo o campionato de liga no ano 1991. Logo de tres anos, volta finalmente a Hungría. Aquí tomará o mando da selección nacional ao longo dun ano, para despois retirarse definitivamente do fútbol profesional.
Retiro e derradeiros anos A pesar de caer en desgraza a ollos do goberno, sempre foi considerado un heroe polo pobo húngaro. No ano 1993 as autoridades concédenlle o perdón e Puskás volta ó fogar, facéndose cargo por un tempo da Selección nacional.