Santa María de Cabalar é unha parroquia que se localiza no oeste do concello da Capela. Segundo o padrón municipal de 2018 tiña 262 habitantes (135 homes, 127 mulleres) distribuídos en 22 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 355 habitantes.
Xeografía Esta parroquia localízase a unha altitude de 450 m, e é limítrofe coa Mourela (Neda) e sitúase a escasos quilómetros da casa do concello, no lugar das Neves. Está atravesada polo río Belelle e o río Xuvia-Castro.
Clima A climatoloxía de Cabalar é de tipo oceánico húmido con algunhas características de clima continental. A temperatura oscila entre os 0 °C que pódense alcanzar no inverno aos 37 °C de máxima no mes de agosto, cunha temperatura media anual de 12 °C. É un clima propicio para a conservación das Fragas do Eume.
Fauna e flora Esta zona caracterízase polo predominio de carballos, bidueiros e ameneiros. Conta cunha gran riqueza paisaxística e xeolóxica. Tamén posúe moitas especies de animais en liberdade, os cales posúen os bosques de Cabalar como hábitat natural, como os xabarís, raposos e corzos.
Patrimonio A igrexa parroquial foi construída en estilo barroco durante o século XIX. Presenta unha planta rectangular cunha soa nave e no seu interior, no centro, unha imaxe de Santa María, a patroa da parroquia. A igrexa pertence a diocese de Mondoñedo-Ferrol e ao arciprestado de Ortegal-As Pontes.
Hai varios muíños ao pé do río que se poden visitar. Conta cun museo etnográfico aberto ao público os xoves e venres polas mañás e sábados e festivos pola tarde.
Festas As festas parroquiais de Santa María celébranse o 15 e o 16 de agosto.
Gastronomía O requeixo elabórase nesta zona dende hai moitos anos, posúe unhas características especiais que fan que se diferencie do producido noutras zonas.
Galería de imaxes
Lugares e parroquias Lugares de Cabalar
Parroquias da Capela
Notas
Véxase tamén Outros artigos Lugares da Capela
Categoría:Parroquias da Capela Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de santa María